IGUALDADE E FACENDA

O catálogo "Igualdade Ilustrada" recolle 28 retratos de mulleres referentes nas artes, ciencias, letras e música

12/06/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá os catálogos Igualdade Ilustrada, que o Concello editou en colaboración con Promove, o IES de Sar e o CIPF Compostela. No acto, que tivo lugar no Salón Vermello do Concello, estivo acompañada por Carmela Romay, coordinadora da selección de retratos e portada do IES de Sar; Anxo Jamardo, coordinador do traballo de edición do CIPF Compostela, e Luz Fandiño, en representación das mulleres retratadas.

Marta Lois explicou que este catálogo é "unha homenaxe ás mulleres que forman parte da nosa historia, rescatándoas do esquecemento e recuperando a súa presenza no espazo público". Para a concelleira de Igualdade "é fundamental promover este tipo de iniciativas entre a xente moza, que é onde estamos a observar un repunte das actitudes machistas e súa normalización".

Recicla o xénero
Esta actividade de ilustración enmárcase dentro do programa da Concellería de Igualdade que leva por nome Recicla o xénero, nacida co obxectivo de sensibilizar as novas xeracións sobre a igualdade de xénero. Teatro, charlas, concursos ou obradoiros foron algunhas das actividades realizadas ao abeiro deste programa en colaboración con distintos centros da cidade.

En total, os alumnos e alumnas de ambos centros, que estiveron presentes no acto e recibiron cadanseu catálogo, realizaron 28 retratos de mulleres nas artes, na música, na ciencia e nas letras. Así, as mulleres protagonistas foron: Annie Leibovitz, Camille Claudel, Dora Maar, Frida Kahlo, Georgia O‘Keeffe, Machiko Hasegawa, Margaret Marley, María Blanchard, Sofia Adlersparre, Yayoi Kusama, Ainhoa Arteta, Alma Mahler, Clara Schumann, María Callas, María Joao Pires, Montserrat Caballé, Gloria Fuertes, Rosalía de Castro, Luisa Villalta, Luz Fandiño, Josefina Castellvi, Jocelyn Bell, Hipatia, Ada Lovelace, Barbara McClintock, Jane Goodall, Marie Curie e, como persoa anónima, Laudina Vázquez García.

Compartir: