ACCIÓN CULTURAL

Bota a andar o novo ciclo "As raíces na pedra" ao abeiro da SELIC

10/06/2017 A Semana do Libro de Compostela chega mañá domingo ao seu final, e faino estreando un novo ciclo que xorde da colaboración entre o Concello e catro das agrupacións folclóricas máis importantes da cidade, As raíces na pedra. Será na praza das Praterías, a partir das cinco da tarde.

O ciclo As raíces na pedra nace co obxectivo de difundir a nosa cultura tradicional dun xeito lúdico e aberto á participación da veciñanza. Nesta primeira sesión farase un obradoiro de muiñeira, a cargo da Agrupación Folclórica Colexiata de Sar. Despois diso, haberá unha actuación a cargo de Cantigas e Agarimos.

As Maimiñas en concerto
Na axenda da SELIC para mañá tamén haberá música infantil. A partir das cinco e media da tarde, na carpa da Quintana actuarán As Maimiñas, para presentar o seu libro CD Volta, revolta e reviravolta. As Maimiñas son dúas nais que decidiron protagonizar os espectáculos que quererían que visen os seus propios fillos, e que acabaron converténdose na súa profesión. Ademais de presentar o seu traballo, pensado para nenos e nenas de menos de dez anos, tamén estarán asinando o libro na SELIC.

Outras actividades
Ao longo do domingo tamén pasarán pola SELIC Enrique Mauricio e Carlos Taboada, para falar da figura de Maruxa Mallo; e Óscar Ibáñez para presentar un traballo sobre Xoán Tilve. Por último, Rosalía Fernández Rial presentarán a obra Aulas sen paredes.

Compartir: