ACCIÓN CULTURAL

O Premio Antón Risco de literatura fantástica e as traducións ao vivo protagonizan a penúltima xornada da SELIC

09/06/2017 A Semana do Libro de Compostela vai chegando á súa fin cunha penúltima xornada na que a praza da Quintana acollerá actividades de 12:00 a 22:00 horas.

As accións comezan co Club de Lectura "Despois da medianoite de Salma", que se celebrará de 12:00 a 13:00 h. A partir desa hora é a vez de Antonio M. Fraga e o seu Querido H.P. Lovecraft, que recibiu o Premio Antón Risco que convocan Urco Editora, a Fundación Vicente Risco, Auga Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraría Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e A Fábrica de Vilanova. Posteriormente, o autor asinará exemplares do seu libro.

Actividades infantís
Os nenos e nenas maiores de 5 anos tamén seguen a ter o seu espazo na Selic co evento "Terra de libros" que terá dúas sesións, unha de mañá de 12:00 a 14:00 horas e outra de 17:30 a 19:30 horas. Ademais, o Museo das Peregrinacións acolle unha nova edición de "Conto porque me toca", que entreterá aos e ás máis pequenas de 17:30 a 19:00 horas.

A SELIC tamén é espazo de traducións e tradutoras. María Reimondez e Patricia Buxán realizarán no lugar das presentacións unha serie de traducións ao vivo que non deixarán indiferentes a ninguén e que poñen a nota diferente a esta Semana do Libro de Compostela. Alfonso Blanco tráenos o seu "Do latín ao galego… tamén na literatura ou, motivos para traducir ficción dende o latín". A partir das 19:00 horas é a quenda de Julio Fernández Peláez e, a partires das 20:00 horas, de Lugrís en Compostela e de Marga Tojo e os seus "Últimos bruídos".

Xa as 20:30 horas terá lugar a "Manifestación surrealista" e, a partir das 21:00 horas, a penúltima xornada botará o peche cun concerto da man de aCentral Folque.

Compartir: