XUNTA DE GOBERNO

Aberto o procedemento de adxudicación da cafetería da Granxa do Xesto

09/06/2017 A Xunta de Goberno acordou este venres abrir o procedemento de adxudicación da explotación da cafetería da Granxa do Xesto. A principal novidade é que o proceso está reservado a centros especiais de emprego e empresas de inserción.

A concelleira María Rozas, encargada de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que o obxectivo é que a cafetería poida estar funcionando no prazo de mes e medio. Os adxudicatarios terán que abonar un canon anual ao Concello de 8.274 euros. A concesión será por tres anos, prorrogables por outros dous.

Asesoramento en materia de residuos
Tamén a proposta do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, a Xunta de Goberno adxudicou o servizo de redacción das bases técnicas para a definición do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e mantemento das illas soterradas do Concello de Santiago. O contrato foille adxudicado a Terravanza, Gabinete de Estudios Territoriales Avanzados SL, por un importe de 37.395 euros, máis IVE de 7.852,95 euros. María Rozas explicou que no asesoramento para os novos pregos do servizo "deberán atender a cuestións como a compostaxe ou a instalación do quinto contedor".

Convenios
Na Xunta de Goberno de hoxe déuselle luz verde a varios convenios con distintas entidades. O primeiro deles é o acordo que asinan a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo con Cáritas Diocesana, para o programa Vagalume, de apoio a mulleres en situación vulnerable. A achega do Concello será de 30.000 euros.

Tamén se aprobaron varios convenios da Concellería de Políticas Sociais. Así, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia recibirá 15.000 euros para o programa de atención aos desafiuzamentos; e Cruz Vermella percibirá 75.000 euros que irán destinados ao programa de equipos de rúa que atenden ás persoas sen fogar, ao pago de pensións e hostais para estas persoas, e ao servizo complementario ao Servizo de Axuda no Fogar para persoas que viven soas.

Outros dos convenios aprobados hoxe son o que se vai asinar con Cáritas Diocesana de Santiago para o seu programa de atención primaria, ao que se destinarán 100.000 euros; e o que se subscribirá coa Escola de Tempo Libre Don Bosco, cunha contía de 3.000 euros. Por primeira vez, vaise asinar un convenio coa Plataforma polo Emprego-Foro da Inmigración, para atender ás persoas inmigrantes, e que supón unha achega de 12.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: