ACCIÓN CULTURAL

As mulleres, protagonistas na axenda da SELIC deste venres

08/06/2017 As mulleres, protagonistas na axenda da SELIC para este venres
A Semana do Libro de Compostela entra na súa recta final, e nos tres próximos días a carpa da praza da Quintana estará aberta durante todo o día para albergar ducias de actividades.

Este venres, o horario da SELIC será de once da mañá a once da noite e a axenda está repleta de propostas, moitas delas protagonizadas por mulleres. Así, ás seis da tarde está prevista unha sesión sobre "A tradución das clásicas ao galego. De Mary Wollstonecraft a Virginia Woolf". A presentación correrá a cargo de Andrea Barreira, e no debate participarán Cecilia Recarey, de Irmás Cartoné, e Antía Veres, de Hugin e Mugin.

Media hora máis tarde, a partir das seis e media, está previsto un recital de poesía no que participarán cinco mulleres cunha valorada traxectoria nas nosas letras: Charo López, Lupe Gómez, Rosalía Fernández, Marga Tojo e Antía Otero.

Presentacións e firmas de libros
Na axenda de mañá está prevista a presentación de dous libros, os dous escritos tamén por mulleres. Así, Marilar Aleixandre presentará Alí Babá. Morxiana e os corenta ladróns; Luz Darriba estará na Quintana cos seus Juguetes para niños ciegos e Inma López Silva estará asinando libros no stand de Galaxia. Nesta xornada tamén terá o seu espazo na SELIC Isidro Novo, con O tabú na trastenda.

Itinerario troiano e actividades infantís
Na axenda da SELIC para mañá tamén destaca o Itinerario troiano dramatizado, que comezará ás oito e media da tarde no monumento a Rosalía de Castro na Alameda. Será unha ruta guiada, que terá unha duración aproximada dunha hora e media e que rematará na Casa da Troia.

Por último, repetirase a actividade infantil "Conto porque me toca", a partir das cinco e media da tarde dende o Museo das Peregrinacións.

Compartir: