MEDIO AMBIENTE

Novos obradoiros e roteiros no CIAC neste mes de xuño

08/06/2017 Ademais do ciclo de cinema Loitas Ambientais na Galiza, que se vén celebrando con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, este mes levaranse a cabo outras actividades no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC). Está previsto un relatorio sobre o coltán en colaboración co Instituto Jane Goodall , o roteiro interpretativo mensual e un obradoiro e un roteiro de recoñecemento das herbas de San Xoán.

O sábado 17 de xuño haberá dúas actividades. Pola mañá, ás 12:00 horas, realizarase un roteiro interpretativo polo parque de Belvís. Será unha nova oportunidade para achegase aos usos e funcións deste espazo verde no día a día e ao longo da historia. A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 7 anos). É de balde, pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou do formulario de inscrición online.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, o CIAC preparou un relatorio de actividade ambiental baixo o título "Mobilízate pola Selva". A través desta charla, o Instituto Jane Goodall achegaranos ás consecuencias que a nosa alta demanda de coltán, casiterita e outros minerais empregados na fabricación de produtos electrónicos teñen no noso entorno e nos lugares de orixe, como a República Democrática do Congo. Alí, a guerra polo control das minas xa produciu uns 6 millóns de mortos e case 3 millóns de refuxiados, deforestación, contaminación e matanzas de animais en perigo de extinción como gorilas e chimpancés. A partir deste día, e ao longo de todo o mes, a Institución Jane Goodall porá no CIAC un punto de recollida de móbiles vellos.

A actividade é de balde e non precisa inscrición, se ben o aforo é limitado, cubríndose as prazas por orde de chegada.

San Xoán
O xoves 22 de xuño, ás 18:00 horas, haberá un obradoiro e un roteiro de recoñecemento das herbas de San Xoán. Na véspera desta celebración, os/as participantes buscarán estas herbas pola contorna do centro e coñecerán as súas propiedades.

A actividade é de balde pero as prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou do formulario de inscrición online.

Horario
Cómpre lembrar que, entre abril e setembro, o horario de apertura ao público do CIAC é: mércores, xoves e venres de 11:00 a 14:00 horas; e sábados de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 horas.

Compartir: