ALCALDÍA

O Concello e catro agrupacións folclóricas da cidade poñen en marcha o ciclo "As raíces na pedra"

08/06/2017 O alcalde presentou hoxe o ciclo As raíces na pedra, froito da colaboración entre o Concello e catro das agrupacións de baile e música tradicional da cidade. Martiño Noriega estivo acompañado na rolda de prensa por Rafa Sexto, da Agrupación Folclórica Colexiata de Sar; Carlos Delgado, secretario de Cantigas e Agarimos; Gustavo Couto, do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, e Montse Rivera, directora do grupo de baile de Brincadeira.

O alcalde explicou que As raíces na pedra naceu co obxectivo de "difundir a nosa cultura tradicional do xeito máis lúdico posible e coa participación da cidadanía". Para iso, vanse organizar obradoiros "nos que calquera se poderá iniciar no baile da muiñeira, das xotas ou das danzas de reis, e tamén aprender algo máis dos xogos tradicionais". Martiño Noriega explicou que están previstas catro sesións no que queda de ano, cunha parte didáctica a cargo dunha das formacións implicadas no proxecto, e cunha actuación posterior doutro dos grupos.

Muiñeira, xota, ou danzas de reis
A primeira sesión será o próximo domingo, vinculada á celebración da SELIC. Por iso, o espazo elixido para a estrea de As raíces na pedra é a praza de Praterías. A partir das cinco e media da tarde, haberá un obradoiro de introdución á muiñeira coa Agrupación Folclórica Colexiata de Sar. Un dos seus integrantes, Rafa Sexto, explicou que a asociación márcase o obxectivo de que "en só hora e media, calquera persoa poida aprender os principais pasos da muiñeira, identificar os seus toques e recoñecer algunhas das súas variantes".

Despois do obradoiro, aberto á participación de toda a cidadanía, haberá unha actuación da agrupación Cantigas e Agarimos.

Despois da do domingo, a seguinte cita de As raíces na pedra, centrada no tempo de lecer, será o 1 de setembro na praza de Salvador Parga. Desta vez, o obradoiro de formación correrá a cargo de Brincadeira, e a actuación, xa na praza de Cervantes, será do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia.

Para o 12 de outubro está previsto un obradoiro de xota, impartido por Cantigas e Agarimos, na praza do Toural. A actuación da xornada será da Agrupación Folclórica Colexiata de Sar. Por último, o 26 de decembro na praza de Praterías, haberá un obradoiro de cantos de Nadal e danzas de reis con Ultreia, e unha actuación de Brincadeira.

Exemplo de colaboración
Os representantes das catro agrupacións participantes neste programa salientaron que "é a primeira vez na que se dá unha colaboración tan intensa entre as formacións de Compostela", e mostraron o seu desexo que o ciclo teña continuidade no tempo. Gustavo Couto, de Ultreia, incidiu en que As raíces na pedra tamén permite ampliar a presenza destas formacións na cidade, "que normalmente ven limitada a súa presenza ás festas da Ascensión e do Apóstolo, pero só con actuacións para o público e nunca interactuando coa cidadanía como se vai facer agora". Pola súa parte, Montse Rivera, de Brincadeira, valorou moi positivamente "que se favoreza o intercambio entre as agrupacións, grazas ao deseño das xornadas en dúas partes nas que unha asociación fai o obradoiro e outra ofrece unha actuación".

Compartir: