ACCIÓN CULTURAL

Teatro do Morcego presenta "Nosa señora das nubes"

07/06/2017 O Teatro Principal acolle este xoves e venres, ás 20:30 horas, dúas funcións de Teatro do Morcego, que presentan o texto Nosa señora das nubes, de Arístides Vargas. As entradas están á venda no despacho de billetes do Teatro e en entradas.abanca.com.

Gañadora de dous premios internacionais como mellor obra de teatro en Cuba e España e con tres nominacións ao Premio Municipal Caracas 2014, Nosa señora das nubes cóntanos a historia de dous exiliados que se atopan e descobren a dor e a soidade polo afastamento da súa propia terra. Óscar e Bruna son dous personaxes que constantemente van alternando entre as memorias do pasado e o presente, onde comparten anécdotas da súa experiencia como exiliados; os seus soños, necesidades, frustracións, desexos, amores, esquecementos e relembranzas.

O texto céntrase no encontro de dous personaxes expatriados nun espazo e tempo indeterminado. Por medio de lembranzas confusas e memorias fragmentadas, os personaxes buscan recuperar as historias vividas na súa patria, a remota Nosa señora das nubes.

Poético e cheo de humor, o texto, fainos reflexionar sobre as ditaduras, as guerras, o exilio e o desarraigo tan presentes no noso tempo.

Dirixe Celso Parada, que tamén sobe ao escenario, acompañado de Josi Lage, Mundo Villalustre e Pablo Costas.

Compartir: