SAÚDE

Máis da metade dos adolescentes de Compostela consumiron alcohol no último ano

07/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá o estudo elaborado polo Concello e a USC sobre o consumo de alcohol e drogas e do uso problemático de internet entre os adolescentes de Compostela. Na rolda estivo acompañada do investigador da USC e responsable do mesmo, Antonio Rial, e do técnico da UMAD Jorge Carballido.

A concelleira explicou que este estudo é o resultado dun convenio de colaboración "entre a USC (Departamento de Psicoloxía do Consumidor e Usuario), sete centros públicos de secundaria da cidade e o Concello de Santiago, que levaron a cabo unha investigación sobre dúas das problemáticas que, segundo apreciación das direccións dos centros de ensino público de secundaria, máis preocupaban". Estamos a falar do consumo de alcohol e drogas e do uso problemático de internet entre a poboación moza.

Plan Municipal de Drogodependencias
Este estudo servirá, tal e como avanzou Concha Fernández, "para a revisión do actual Plan Municipal de Drogodependencias, pioneiro en Galicia pero necesitado dunha revisión a fondo referida a actuacións de prevención de consumos dentro do termo municipal".

O estudo levouse a cabo con 2.391 adolescentes pertencentes a sete centros públicos do Concello de Santiago de Compostela: IES Arcebispo Xelmírez I, IES Arcebispo Xelmírez II, IES Eduardo Pondal, IES Sar, IES Lamas de Abade, IES Pontepedriña e IES Antonio Fraguas. O informe deixa datos preocupantes, como o feito de que a poboación moza de Compostela se inicie no consumo de alcohol aos 13,8 anos e ao de cannabis aos 14,9.

Ademais, os adolescentes consumen por primeira vez cocaína aos 15,6 anos. As consecuencias do consumo de alcohol tamén se analizan neste estudo. O 17 % dos menores subiu con algún amigo ou amiga que estaba baixo influencia do alcohol no coche e case o 10% meteuse en liortas. Os consumos potencialmente de risco son realmente preocupantes, especialmente no caso das mozas e no bacharelato, o que recalca a necesidade de revisar os esforzos a nivel preventivo.

Uso do móbil
Máis do 90% dos adolescentes composteláns dispón a día de hoxe dun móbil con acceso ilimitado a internet, dos cales o 64% o leva habitualmente a clase, cifra que se dispara ao 92% no caso do alumnado de Bacharelato. O estudo reflicte que o 31% se conecta a Internet máis de cinco horas ao día; 9 de cada 10 está rexistrado nalgunha rede social e o 63,5% en tres ou máis. O uso da mensaxería instantánea é masivo.

Un dos aspectos máis preocupantes vén dado polas prácticas denominadas sexting entre menores. Máis do 25% dos enquisados recibiron vídeos ou fotos de compañeiros ou compañeiras con alto contido sexual e máis do 10% enviaron este tipo de mensaxes, sendo maioría as mulleres.

Conclusións
Tense detectado un repunte nos niveis de consumo de drogas, que aínda así se sitúan por debaixo do conxunto do Estado. O uso de Internet e as redes sociais é un fenómeno xeneralizado entre os adolescentes: 9 de cada 10 dispoñen de teléfono móbil con datos; un 86,4% conéctase tódolos días; o 96,2% son usuarios de Whatsapp; o 90% está rexistrado como mínimo nunha rede social e un 63,5% en tres ou máis. Todas estas cifras alcanzan case o 100% en segundo ciclo da ESO e no Bacharelato.

A prevalencia do uso problemático de Internet sitúase lixeiramente por debaixo da rexistrada para o conxunto de Galicia (17,4% vs. 18,4%), sendo maior no caso das mulleres (5 puntos). Pola súa banda, as cifras de prevalencia de ciberacoso sitúanse entorno ao 15%, alcanzando os seus maiores niveis no segundo ciclo da ESO (1 de cada 5).

Cómpre salientar tamén que se trata dun fenómeno transversal xa que, a diferenza do acoso tradicional, non hai diferenzas significativas entre mozos e mozas. É importante subliñar que 1 de cada 3 vítimas de ciberacoso son tamén agresores, e viceversa.

Por último, tense constatado unha estreita relación entre os problemas relacionados co alcohol e outras drogas e o uso problemático da Internet ou o propio ciberacoso, con taxas de risco ata 10 veces maiores.

Documentos relacionados



Compartir: