CULTURA

Cineuropa reuniu máis de 24.000 espectadores na súa XX edición

05/12/2006 O festival de cinema Cineuropa amosou na súa XX edición que a vocación de converterse no maior festival de Galicia, coa que foi creado no 1986, se fixo xa realidade. Cineuropa foi capaz de congregar este mes de novembro, entre todas as salas, a un total de 24.795 espectadores, cifra non acadada por ningún outro festival de cinema galego.

O número de asistencias aumentou respecto ao ano 2005, no que se rexistraron un total de 22.825. Pero esta non foi o única marca lograda por Cineuropa no seu XX aniversario. Nunca antes se proxectaran no seo deste festival, nin de ningún outro de Galicia, tantos filmes: máis de 120, entre eles máis de 50 estreas en España. Ademais, a duración de Cineuropa un mes, só é igualada en toda Europa polo festival de cinema de Londres.

O feito mesmo de ter engadido no 2006 dous novos espazos de exhibición de filmes –a Aula de Cultura de Caixa Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea-, aos que xa se viñan utilizando en edicións anteriores –o Teatro Principal, Salón Teatro, Sala Yago e Fundación Caixa Galicia- respondeu á previsión da organización de que a tendencia ao incremento de público rexistrada nos últimos anos se mantería unha vez máis. Por isto era necesario contar con máis salas para evitar a formación de grandes colas nos despachos de billetes.

Este evento cultural superou tamén este ano o seu propio nivel en canto á calidade dos filmes exhibidos, avalada por unhas puntuacións do público coas notas máis altas da historia de Cineuropa. Un total de nove filmes ("A vida dos outros", "O violín", "Todo esta iluminado", "Always: sunset in third street", "Infernal Affairs", "Apaga y vámonos", "O diaño e Daniel Johnson", "Brasileirinho", "Standing in the shadows of Motown") obtiveron máis dun 8 de media, mentras que "Maria Bethania, música e perfume" sacou un 8.

O público valorou especialmente cos seus votos as películas dos ciclos Mundo Asia, -puntuando con máis de 7 a metade dos filmes deste apartado-; Doc music –máis de dous terzos das obras deste ciclo superaron o 7- e Documentos Cine e Historia –con máis da metade das películas con notable de media-.

Novidades na programación

Cineuropa celebrou este ano as súas dúas décadas de compromiso co cine independente de todo o mundo introducindo novidades na súa programación. Ás xa tradicionais seccións oficial europea, cine fantástico, panorama internacional, documental e clásicos do cinema, engadíronse un ciclo de películas arxentinas, outro de animación e, por último, o de documentais sobre música (Doc Music) e o de cinema asiático (Mundo Asia), antes citados. Tamén lles rendeu homenaxe a tres mestres do cine: o portugués Joao César Monteiro, ao que lle dedicou unha retrospectiva da súa filmografía; Richard Fleischer e Gillo Pontecorvo.

O certame afianzou tamén no 2006 a súa calidade de festival de festivais ao proxectar filmes premiados en todo o mundo, algúns dos cales foron estreados en España por Cineuropa. No festival proxectáronse tamén as últimas películas de directores de recoñecida traxectoria a nivel internacional coma Aki Kaurismäki, Sydney Pollack, Raúl Ruiz, Steven Soderbergh, Goran Paskaljevic, Claude Chabrol, Takeshi Kitano, ou Kim ki-duk.

Pero a proxección de películas non é o único obxectivo do festival. Por iso, cada ano a organización recoñece a traxectoria de profesionais dedicados ao mundo do cine cos Premios Cineuropa, que este ano lle corresponderon ao compositor Stephen Warbeck e ao director kurdo Bahman Ghobadi. O festival arrincou o día 2 de novembro cun concerto inaugural no Auditorio de Galicia a cargo da Real Filharmonía de Galicia, que interpretou cinco pezas compostas por Warbeck e outros compositores. Neste mesmo acto, entregóuselle un dos premios Cineuropa do 2006 ao músico, gañador dun Oscar pola banda sonora do filme Shakespeare in love, que tamén foi nominada para os premios Grammy.

O día 4 celebrouse no Teatro Principal a gala do Festival, na que se lle entregou o premio Cineuropa 2006 ao director kurdo iraní Bahman Ghobadi, gañador de dúas Cunchas de Ouro no Festival de San Sebastián, unha pola película "As tartarugas tamén voan" e outra por "Media Lúa". Neste caso, centrou o acto, ademais da entrega do premio, a proxección da segunda das películas.

Compartir: