FACENDA

Ábrese o prazo para presentar propostas aos orzamentos participativos Compostela Decide

07/06/2017 Dende este mércores e ata o 30 de xuño, calquera persoa con 16 anos cumpridos pode facer propostas de investimentos e de actividades aos orzamentos participativos Compostela Decide. Hai dous xeitos de facelo: a través da web decide.santiagodecompostela.gal, ou ben acudindo ás asembleas presenciais que se celebran durante esta semana e a que vén en Santiago de Compostela.

A concelleira de Facenda, María Rozas, presentou hoxe en rolda de prensa as novidades do proceso, que por segundo ano consecutivo (terceiro no caso da área de Mocidade) permite aos veciños e veciñas da capital galega decidir de maneira directa a que destinar unha parte do orzamento municipal.

Rozas explicou que o Grupo Motor, conformado por persoas de asociacións e persoas que a título individual queren dinamizar e pilotar o desenvolvemento dos OP, pechou o Regulamento -a norma que rexe o proceso- o pasado luns 5 de xuño. As novidades neste exercicio son, dunha banda, o incremento da contía nun 36% a respecto dos OP deste ano e o reparto por zonas para as propostas de investimentos, que nesta edición atende a catro áreas específicas -Urbana Norte, Urbana Sur, Rural Norte e Rural Sur- e unha xenérica, a área Municipal. Tamén as propostas de actividades contan cunha orixinal novidade: haberá 100.000 euros para decidir actividades a realizar nas Festas do Apóstolo de 2018 e outros 100.000 para actividades dirixidas á Mocidade (entre 16 e 25 anos), igual ca o pasado ano.

Na rolda de prensa, a concelleira explicou que o rural compostelán multiplica case por dous o orzamento do pasado ano. O rural é a única área que repite en cada exercicio, por motivos de "reequilibrio territorial, investir o que non se investiu durante moitos anos", detallou Rozas. "O resto das áreas son rotatorias, atendendo ao noso compromiso de que durante este mandato todas as zonas da cidade terían os seus orzamentos participativos", declarou.

Nova fase de Apoios
Compostela Decide 2018 conta cunha nova fase, a de Apoios. "Vén a ser como dar un 'Gústame', explicou a concelleira, "para que á fase final de votación só cheguen 20 propostas a cada unha das áreas en función deses apoios". O obxectivo é simplificar o proceso de votación, "porque chegaban centos de propostas que facían máis difícil a votación e tamén para facilitar a labor dos técnicos á hora de avaliar as propostas".

A primeira asemblea de diagnose e propostas, aberta a quen queira acudir, é este xoves 8 no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, á que seguirá á asemblea de Festas, o venres 9 no mesmo local municipal. Xa durante a semana que vén celebraranse as catro asembleas de zonas: o luns 12 da zona Urbana Norte no CSC de Vite, o martes 13 da zona Urbana Sur no CSC de Santa Marta e o mércores 14 do Rural Norte no CSC de Vite.

Compartir: