PLENO

O Pleno rexeita a proposta do PP para fixar as accións estratéxicas do Goberno

06/06/2017 A Corporación municipal celebrou esta tarde un pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular para propoñer as accións estratéxicas a desenvolver polo Goberno municipal no que resta de mandato. A proposta foi rexeitada, cos votos en contra de Compostela Aberta e a abstención de PSOE e BNG. Tanto o grupo de Goberno como socialistas e nacionalistas coincidiron en que "é quen goberna quen ten que fixar as súas liñas estratéxicas".

O Partido Popular solicitou a celebración dun pleno extraordinario para reclamar a elaboración dun plan municipal de melloras das rúas e as beirarrúas, a aprobación do Plan Estratéxico de Turismo ou a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica. O voceiro dos populares, Agustín Hernández, tamén falou da necesidade de mellorar o modelo de transporte de viaxeiros, poñer en marcha un plan de sendas peonís ou reformar a ordenanza de publicidade.

Resposta do Goberno
A voceira do grupo de Compostela Aberta lembrou que "quen ten o mandato de gobernar non é o PP, polo que o obxectivo deste pleno é unicamente partidario". Marta Lois explicou que na proposta dos populares "mesturan proxectos que xa están en marcha, con outros que non son competencia local, e outros que son inexecutables". Así, lembrou que xa está en marcha o plan de mantemento das rúas e beirarrúas, por un importe de 1,2 millóns de euros; que o Goberno duplicou a orzamento do Servizo de Axuda no Fogar ata catro millóns de euros; e ten en marcha diversos proxectos relacionados coas sendas verdes. Tamén se referiu aos avances nalgunhas grandes infraestruturas polas que Compostela leva moitos anos agardando, como a estación intermodal ou a EDAR.

Abstención de PSOE e BNG
PSOE e BNG aproveitaron o Pleno da Corporación para facer balance das actuacións executadas polo Goberno ao longo dos dous anos de mandato, lamentando o atraso nas licitacións dalgúns servizos e a prórroga doutros contratos. Paco Reyes e Rubén Cela reclamaron tamén a celebración do Pleno do debate sobre o estado do municipio.

Os dous grupos explicaron que a súa abstención responde a que "a oposición ten que fiscalizar a acción de goberno, pero é ao Executivo a quen lle corresponde fixar cales son as súas accións estratéxicas para o que resta de mandato".

Direccións relacionadas



Compartir: