ACCIÓN CULTURAL

Mañá celébrase o Día de Ferrol na SELIC

06/06/2017 Este mércores celebrarase o Día de Ferrol na Semana do Libro de Compostela, cunha actividade na que participarán os alcaldes das dúas cidades e que arrancará ás 20:30 horas na praza da Quintana.

O rexedor compostelán, Martiño Noriega, e o ferrolán, Jorge Suárez, realizarán o percorrido guiado "Compostela descrita: ligazóns literarias entre Compostela e Ferrol". Trátase dunha ruta dende a praza da Quintana ata Carreira do Conde, con paradas nos lugares vinculados a dous escritores ferroláns: Gonzalo Torrente Ballester e Ricardo Carvalho Calero. O percorrido está aberto á participación da cidadanía e só será preciso inscribirse na propia carpa da praza da Quintana.

Outras actividades
A Semana do Libro de Compostela tráenos este mércores multitude de actividades para todos os públicos. Dende as 17:00 e ata as 22:00 horas, a praza da Quintana volverá ser un fervedoiro de amantes do libro.

Ás 17:00 horas haberá o tradicional espazo de animación infantil, que coincidirá coa actividade "Conto porque me toca", a desenvolver no Museo das Peregrinacións dende as 17:30 e ata as 19:00 horas. Estará aberto ata completar as 20 prazas de cada sesión. Esta acción está destinada á rapazada de 6 a 10 anos e realizarase un conto ilustrado sobre o Camiño de Santiago, seguindo as pautas do xogo da oca.

As actividades continúan ás 18:00 horas con Eduardo Baamonde e a súa demostración de acuarela, que rematará ás 19:00 horas. Xusto a tempo para a música de Florencio López e o seu "Cego dos Vilares", que rematará para as 19:30 horas.

Presentación e sinatura
A partir das 19:30 horas é o momento das presentacións e da sinatura de libros por parte de diferentes autores e autoras. En primeiro lugar, coa sinatura de Bibliópatas e fobólogos por parte de Enma Pedreira. Logo será a presentación e a sinatura de O monstro de Ille, de Jorge Emilio Bóveda. Finalmente, Miguel Anxo Fernández presentará Un blues para Moraima e asinará exemplares da súa obra.

Compartir: