POLÍTICAS SOCIAIS

Cea-gala solidaria para recadar fondos destinados á loita contra o cancro

06/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou hoxe a cea-gala solidaria que a Asociación Española contra o Cancro celebrará o próximo venres. Foi nunha rolda de prensa na que participaron o vicepresidente da Xunta Local da Asociación, Antonio Guerrero, e o coordinador da entidade en Santiago, Jose Nande.

A concelleira lembrou que "o Concello mantén activas as vías de colaboración coa AECC, que realiza unha encomiable labor poñendo o foco na necesidade de investigar sobre a enfermidade". Concha Fernández mostrou o seu desexo de que "accións solidarias como as que desenvolve a Asociación Española contra o Cancro deixen de ser necesarias porque chegue o día no que as administracións destinen os fondos necesarios á investigación e á asistencia das persoas que o precisan". Nesa liña, incidiu en que "temos que ser conscientes de que é un investimento e non un gasto todo o que se destina á investigación e á prevención en materia de saúde".

Cea-gala
A cea-gala da Asociación Española contra o Cancro celebrarase o venres no Palacio de Congresos e Exposicións. As entradas estarán á venda ata mañá a un prezo de 50 euros. Pódense atopar en Charcutería Seco, Garysom, Joyería Jael, o ximnasio Squash Milladoiro e na propia sede da AECC. Tamén se pode colaborar a través dunha Mesa 0.

O coordinador da Xunta Local da AECC, Jose Nande, explicou que durante o acto vanse entregar cadanseu recoñecemento a dúas voluntarias que colaboran coa entidade, Verónica Sorribas e Noemí Sanmartín. Tamén se vai recoñecer a colaboración que manteñen coa Asociación a empresa Tesec e as escolas de hostalaría CIFP Compostela, CIFOP Paseo das Pontes da Coruña e CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.

Actividade da AECC en Santiago
Durante a presentación da cea-gala, o vicepresidente da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro explicou que, a nivel estatal, esta entidade leva destinados case 37 millóns de euros a investigación sobre a enfermidade nos últimos seis anos. No caso concreto de Santiago, Antonio Guerrero mostrou a súa satisfacción por ter recadado 1,2 millóns de euros para colaborar no financiamento do proxecto sobre os tumores de cabeza e pescozo que está a dirixir o profesor Anxo Carracedo. Tamén lembrou os servizos que ofrece a asociación, tanto para os enfermos e enfermas de cancro como para os seus familiares.

Compartir: