ACCIÓN CULTURAL

Papi e Mami presentan mañá na SELIC as súas "Fantasías coas palabras"

05/06/2017 Os nenos e nenas teñen este martes unha cita na Semana do Libro de Compostela: a presentación de Fantasía coas palabras, de Papi e Mami. Será a partir das cinco e media da tarde.

Fantasía coas palabras é un xogo pensado para nenos e nenas de menos de dez anos, e ten como obxectivo que aprendan o abecedario dunha maneira orixinal e divertida, creando aventuras a partir de cada letra.

Papi e Mami é o nome artístico de Jorge Juncal e María López, dous músicos cunha longa traxectoria musical. El ten sido acordeonista en grupos folk como Anubía, Faltriqueira e Beladona, mentres que ela leva máis de quince anos interpretando música tradicional galega en Faltriqueira. Xuntos teñen colaborado en traballos sobradamente coñecidos polo público infantil, como A nena e o grilo nun barquiño, Gatuxo ou A banda das apertas. Fantasía coas palabras é o seu primeiro traballo conxunto.

Outras presentacións
Na axenda da SELIC para mañá tamén está prevista a presentación de Volcán. O cabalo salvaxe da illa de Sálvora, de Paula Carballeira e Xoana Almar. Ana Cabaleiro tamén pasará pola Semana do Libro de Compostela para presentar o seu primeiro libro, Sapos e sereas; e María Canosa e María Reimóndez protagonizarán unha nova presentación cruzada. Este martes tamén está prevista a participación de Diego Ameixeiras na SELIC, coa presentación de Lendo a Dashiell Hammett.

Compartir: