ACCIÓN CULTURAL

Arranca a SELIC, a I Semana do Libro de Compostela

02/06/2017 Esta venres botou a andar a primeira Semana do Libro do Compostela, a SELIC, organizada polo Concello en colaboración coas editoras e librarías que integran a Mesa do Libro. O alcalde, Martiño Noriega, foi o encargado de inaugurar o encontro, acompañado por David Cortizo, de Urco Editora, e de Loaira Martínez, da Libraría Ciranda.

As actividades desta primeira xornada pecháronse coa presentación oficial da Colección SELIC, cinco volumes que serán agasallados polas compras nos postos. Desta biblioteca foran parte Charanga da lúa primeira, de Roi Vidal; O cavaleiro do Monte Pedroso, de Carlos Quiroga; Cabeleira de pedra, de Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes; Aquí somos así, positivamente, de Suso de Toro; Laxes de Vrins, de Mariña Pérez; e Os últimos indios, de Patricia Janeiro.

Actividades do sábado
A axenda do sábado na SELIC inclúe ata 16 actividades diferentes, que van máis alá da carpa da praza da Quintana. Así, no apartado "SELIC para percorrer", está prevista unha visita ao DIDAC, o Instituto do Deseño e as Artes Contemporáneas, ás doce do mediodía, e un roteiro que reproducirá os percorridos dos protagonistas da novela de Carlos Meixide Inge e Robbie, a partir das dez e media da noite.

Dentro da programación familiar, a Semana do Libro de Compostela propón para mañá dúas actividades distintas, a partir das cinco e media da tarde. Una delas, "Conto porque me toca", invita aos nenos e nenas de 6 a 10 anos a elaborar un conto ilustrado sobre o Camiño de Santiago seguindo as pautas do xogo da oca. A actividade arrancará no Museo das Peregrinacións. A outra proposta, é a chamada "Terra de libros", para que os rapaces e rapazas poidan recrear personaxes das súas historias favoritas. Ademais, mañá funcionará o espazo de animación infantil da propia praza da Quintana.

No apartado das sinaturas de libros, está previsto que ao longo do día de mañá pasen pola SELIC Minia Regos, Andrea Fernández Cruces, Alexandre Garrido e Valentín Carrera. En canto ás presentacións, mañá teremos unha conversa entre Rita Acevedo e María do Cebreiro, unha mesa redonda sobre publicacións especializadas en arte, ou a Carlos Meixide falando de "Cans".

Mañá sábado e o domingo a carpa da Semana do Libro de Compostela estará aberta de once da mañá a once da noite.

Direccións relacionadas



Compartir: