XUNTA DE GOBERNO

Iniciado o proceso de execución da sentenza sobre a ORA e o guindastre

02/06/2017 A Xunta de Goberno acordou iniciar o proceso de execución da sentenza no incidente de execución promovido por Doal en relación á adxudicación dos servizos da ORA e o guindastre. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "este é un acordo formal, porque a mesa de contratación para darlle cumprimento ao fallo xudicial xa mantivo onte a súa primeira reunión".

O rexedor explicou que o Goberno comunicaralle tanto ao xulgado como ás empresas licitadoras no concurso o inicio deste proceso, e lembrou que a execución da sentenza está "á espera de que os xulgados de Lugo remitan ao Concello de Santiago o expediente coa oferta que Doal presentara ao concurso de 2011". Martiño Noriega lembrou que ese expediente foi requirido pola xuíza Pilar de Lara no marco das investigacións da operación Pokemon, e no Concello de Santiago non existe a día de hoxe ningunha copia desa documentación. O alcalde confía en que se lle faga chegar canto antes o expediente á mesa de contratación, para continuar co procedemento.

Acordo con Emalcsa
Na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse a sinatura dun protocolo de colaboración coa sociedade municipal da Coruña Emalcsa para o asesoramento técnico no deseño e implementación dunha estratexia urbana sensible sobre a auga. O alcalde explicou que a Empresa Municipal de Augas da Coruña "ten unha longa traxectoria e pode asesorar ao Concello de Santiago na súa intención de aplicar unha nova estratexia para a xestión do ciclo da auga". O acordo de colaboración terá unha duración de dous anos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: