ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

A SELIC, a Festa do Deporte e Compostela + Solidaria, na "Compostelánea" deste mes de xuño

02/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou esta mañá o undécimo número da revista Compostelánea, a publicación mensual elaborada por Turismo de Santiago e a Concellaría de Acción Cultural que informa da oferta turística, cultural e de ocio da cidade. Trátase do décimo número da revista, que naceu en xullo de 2016 para ofrecer a habitantes e visitantes de Santiago unha guía práctica para sumarse con boa información á vida activa na cidade.

Este mes de xuño, a portada e a reportaxe principal está dedicada á Semana do Libro de Compostela, SELIC, organizada en colaboración coas editoras e librarías locais para amosar o potencial editorial e literario da nosa cidade. Durante a primeira semana de xuño, unha carpa acolle as propostas dos axentes do sector que participan, xunto cunha axenda de actividades que pretende transcender o expositivo. "Nela participarán un total de 36 expositores distribuídos en 32 postos con numerosas actividades para percorrer e para todos os públicos: talleres, grupos de lectura, recitais, concertos…", indicou a concelleira.

Os amantes do teatro teñen tamén a súa oferta grazas ao Galicia Escena Pro, que terá lugar do 12 ao 15 de xuño no Mercado Galego das Artes Escénicas e no que se poderán ver obras como Estado de graza, A noiva de Don Quixote, Outono ou A nena que quería navegar. Uns días antes, o Teatro Principal acolle Nosa señora das nubes, unha obra centrada no encontro de dous personaxes expatriados nun espazo e tempo determinado.

Mes de festas
Xuño vén cargado de numerosos festexos, tanto dende o punto de vista turístico como deportivo. Compostela sairá ás rúas para celebrar as festas de San Xoán, que celebramos todos os anos con moita intensidade na nosa cidade e que, dende o ano pasado, inclúen numerosas actividades organizadas dende o Departamento de Turismo. Unhas festas que se estenderán do 22 ao 24 de xuño, día de San Xoán.

Tamén no eido festivo destaca a Festa do Deporte, que vén recollida na contraportada da Compostelánea deste mes. Trátase da I Festa do Deporte de Compostela, organizada polo Departamento de Deportes e na que participarán máis de 60 entidades deportivas da cidade en cinco localizacións diferentes, tanto ao aire libre como a cuberto. A veciñanza poderá practicar fútbol americano, tiro con arco, rugby, ximnasia rítmica, waterpolo, ioga, baloncesto e unha longa lista de disciplinas deportivas.

Así mesmo, neste mes de xuño, a Compostelánea recolle as actividades do programa que se desenvolve dende Políticas Sociais e que lleva por nome Compostela + Solidaria. Son actividades polos dereitos sen fronteiras ata o 16 de xuño en varios espazos da cidade, como centros socioculturais, a Fundación Granell ou o Pazo de Fonseca. Dentro deste programa faise fincapé especial na Feira Solidaria que terá lugar o venres 16 de xuño, durante todo o día, na praza Roxa.

Como cada mes, Compostelánea recolle os museos e monumentos máis importantes da cidade; as exposicións que turistas e a veciñanza poden visitar (ben de carácter permanente ou temporal), así como outras actividades de lecer que, de seguro, encherán Compostela todos os días do mes de xuño. Concha Fernández definiu a programación deste mes como "moi completa e chea de actividades".

Direccións relacionadas



Compartir: