CENTROS SOCIOCULTURAIS

Última sesión dos "Contos no espello" no CSC de Conxo

02/06/2017 Este sábado 3 de xuño, ás 20:30 horas, o Centro Sociocultural "Aurelio Aguirre" de Conxo acollerá a última sesión desta edición de Contos no espello, unha serie de sesións monográficas nas que se realizou unha escolma de relatos universais nos que o espello ten un papel protagonista.

Tanto esta sesión como as tres anteriores foron deseñadas por Pepe Sendón, que tamén se ocupou da selección, tradución e lectura dos relatos. Do traballo musical de deseño e interpretación encargouse o guitarrista Marcos Teira.

O espello, coa súa evidente capacidade máxica, patente na literatura fantástica e en moitos contos tradicionais, foi sempre un potente motor da literatura e un obxecto que incita á reflexión e á especulación. Tratado como obxecto físico que actúa como unha porta a unha realidade alterada (Alicia a través do espello) ou como metáfora da duplicación (Doppelgänger), moitos foron os escritores que se sentiron atraídos polos misterios do espello.

Ademais da escolma de textos prevista para esta última sesión, leranse os contos adaptados por Pepe Sendón a partir dos relatos breves sobre espellos enviados pola xente na convocatoria aberta para esta iniciativa. Os/as autores/as serán agasallados cun lote de libros.

Compartir: