O Goberno compostelán presentará emendas á Lei Galega de Benestar Animal

01/06/2017 O Goberno local de Santiago vai presentar emendas ao proxecto de Lei de Benestar Animal que tramita a Xunta, relacionadas coa dotación orzamentaria que atinxe a municipios e deputacións.

Esas achegas, consensuadas cos executivos da Coruña e Ferrol, pretende que na normativa se inclúan disposicións adicionais que faciliten que as administracións locais e provinciais poidan aplicar a lei, e que fomenten a cooperación entre administracións na aplicación da normativa.

En concreto, os Gobernos locais de Santiago, A Coruña e Ferrol presentarán emendas á disposición adicional quinta e á disposición adicional sexta do proxecto de Lei de Benestar Animal, no que atinxe especificamente á dotación orzamentaria de Concellos e Deputacións e á cooperación da Xunta coas entidades locais e provinciais.

Os tres concellos que presentarán de forma conxuntas as emendas a este proxecto de lei recordan que, segundo estimacións de entidades animalistas como Libera! e Franz Weber, máis 15.000 animais, principalmente cans, recóllense en territorio galego cada ano.Na maioría dos casos o seu destino, manutención, atención veterinaria e xestións para a adopción recaen directamente en entidades que non son a Xunta, como o refuxio de Bando no caso de Compostela.

Compartir: