ALCALDÍA

O Concello crea a Colección SELIC, vinculada á Semana do Libro de Compostela

01/06/2017 O alcalde presentou hoxe os primeiros cinco volumes da Colección SELIC, que nace ao abeiro da Semana do Libro de Compostela. Martiño Noriega salientou que se trata dunha "biblioteca creada ad hoc, co obxectivo de que a SELIC deixe pegada".

O alcalde explicou que a Colección SELIC é "un recoñecemento aos autores, porque sen eles non se entende a Compostela Literaria". Por iso, o Concello recuperou obras que nalgúns casos xa foron editadas e que "teñen algún nexo de unión ou algún vínculo emocional con Santiago".

A Colección SELIC nace con cinco volumes. Nun deles recóllense dous títulos diferentes: Charanga da lúa primeira, de Roi Vidal, e O cavaleiro do Monte Pedroso, de Carlos Quiroga. Tamén forman parte da colección Cabeleira de pedra, de Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes; Aquí somos así, positivamente, de Suso de Toro; Laxes de Vrins, de Mariña Pérez; e Os últimos indios, de Patricia Janeiro.

Todos os autores participaron na presentación da colección. No seu nome, Suso de Toro agradeceu a iniciativa do Concello porque "é importante crear unha biblioteca da cidade". O escritor considerou que ter unha colección propia "é unha idea moi acaída para Compostela, porque é a cidade da linguaxe e das cantigas e na que se ampararon figuras literarias tan importantes como Rosalía de Castro ou Ramón María del Valle-Inclán".

No acto de presentación tamén participou Paco Macías, membro da Mesa do Libro que impulsou a organización da Semana do Libro de Compostela xunto co Concello. Para el, "é moi importante que a SELIC sexa tamén unha xeradora de propostas ao redor do sector do libro, como esta colección específica". O libreiro tamén recoñeceu que "a Mesa do Libro está pensando xa na próxima edición da Semana do Libro de Compostela, porque a intención é que esta iniciativa permaneza e medre". O obxectivo último, dixo Paco Macías, "é que Santiago sexa declarada oficialmente Cidade Literaria pola Unesco".

Documentos relacionados



Compartir: