DEPORTE

O terceiro Día do Deporte Solidario reunirá centos de deportistas en Área Central

01/06/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu a coñecer esta mañá os detalles e actividades previstas para o Día do Deporte Solidario, que se celebrará este sábado 3 de xuño. Na rolda estivo acompañada da adxunta á dirección do Centro Comercial Área Central, Sara Castedo, e do organizador do evento, Enrique Vieitez.

Trátase da terceira edición dun evento que concentra durante toda a xornada decenas de exhibicións deportivas das entidades da cidade e comarca relacionadas co deporte e que terá de padriño ao ex xogador de baloncesto Fernando Romay. O que foi xogador do Real Madrid e gañador dunha prata olímpica en Los Ángeles visitará Area Central pola tarde para mostrar o seu apoio a esta iniciativa solidaria e para que as persoas poidan coñecelo e saudalo.

Área Central reunirá nesta xornada a centos de deportistas unidos por un fin solidario, xa que de 11:00 a 21:00 horas poranse á venda rifas por valor dun euro cuxa recadación irá destinada integramente á Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer de Santiago (Agadea).

Deportistas de distintas disciplinas daranse cita mañá e tarde nos corredores interiores e na praza de Europa de Area Central nesta actividade organizada polo establecemento de deportes Atmosfera Sport: Centro Deportivo e Área Central, en colaboración coa Fundación Deporte Galego, Abanca, Jim Sports, Federación Galega de Atletismo, Cruz Vermella e Concello de Santiago. Tamén os visitantes de Area Central poderán participar en moitos dos espazos dedicados a cada un dos deportes e coñecer máis de preto algún deles.

Multitude de especialidades deportivas
Deportes adaptados, fútbol, baloncesto, patinaxe, hóckey, judo, minigolf, esgrima, ximnasia rítmica, xogos de mesa, tenis de mesa, chave, petanca, boxeo, kick boxing ou zumba son algunhas das actividades que encherán as instalacións de Area Central durante dez horas.

Esta xornada pódese celebrar grazas á implicación dos diferentes clubs e empresas: Club San Francisco Teo, Club Xadrez Gallaecia, Club Xadrez Compostela, Arteal, Trek, Delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol, Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, COGAMI, Ilunion, Agrupación Deportiva Baloncesto Fontiñas, Club Deportivo Fontiñas, Club Avó Box, Vitoria C.F., Club Halterofilia Coruña, Aeroclub Santiago, Club Rítmica Compostela, Club Ximnasia Oroso, Judo Club Compostela, A casa dás Linguas, Club Hóckey Compostela, Club Gallaecia in Armis, A Incubadora, Mais Creativos, Recreativos O Neno Feliz, Club Ximnasia Viravolta, Club de Loita Noia, Asociación de Xogadores de Chave de Santiago, Compostela Esgrima, Aspas, Active Service, Diver Patín, Club Loita Stellae, Break Inclan, Pasito de Baile, Academia de Danza Balancé, Club Taekwondo Wellness Sport, S.D. Compostela, Obradoiro CAB, Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física de Galicia, BJ Trainers, Colexio La Salle e Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple.

Milla solidaria
Un dos eventos estrelas é tamén a celebración do II Milla Solidaria, unha carreira homologada pola Federación Galega de Atletismo e na que se pode inscribir a través da web www.carreirasgalegas.com nas seguintes categorías: carreira familiar, carreira para discapacidades, benjamín-alevín, infantil, cadete-xuvenil, junior-promesa-senior e veteranos. O Día do Deporte Solidario complétase con exposicións, sorteos, un museo do deporte, xogos populares en inglés e inchables.

Compartir: