CONSORCIO

Abe Rábade pecha a temporada da Real Filharmonía de Galicia este xoves coa estrea da súa obra "Tempos velados"

31/05/2017 A Real Filharmonía de Galicia pon esta semana o broche final á súa tempada de abono con dous concertos. O primeiro será mañá xoves na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, con todas as entradas esgotadas. E o venres, ás 18:30 horas, parte do concerto de abono repetirase para o público máis novo e para as familias, tamén no Auditorio, dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. En ambas as actuacións levará a batuta o director titular da RFG, Paul Daniel.

O concerto de abono comezará coa estrea de Tempos velados, composta polo músico galego Abe Rábade e que ademais a interpretará ao piano. A obra, de media hora de duración, está escrita en catro movementos, titulados co mesmo nome dos catro poemas nos que se inspiran.

"Os textos son de catro autores, dúas mulleres e dous homes, de épocas e lugares moi diferentes. Cantos falan por min é un poema do meu pai, Xesús Rábade Paredes, do século XXI, por tanto; Amor sen límites é da poeta xaponesa do século IX Ono No Komachi; Chegarán suaves choivas é da poeta estadounidense do século XX Sara Teasdale; e Cando vaciles baixo o peso da dor é do poeta persa do século XII Omar Khayyham. Os catro textos presentan un tempo irreal. Este trazo en común é a razón do título da obra, Tempos velados. Esa irrealidade é respectivamente, poema a poema, o tempo da redención dun pobo, un tempo infinito, o tempo do fin da humanidade e, finalmente, o tempo da esperanza", explica o compositor. O músico móstrase "moi afortunado estreando a miña obra, na que levo traballando nos últimos dous anos, no peche de tempada da Real Filharmonía de Galicia. Agradézolle a Paul Daniel a súa confianza en min".

A obra está escrita para orquestra sinfónica con piano, un coro de adultos e un coro de nenos. Para a súa estrea contarase coas voces do compostelán Orfeón Terra A Nosa, dirixido por Miro Moreira; e o Coro de Nenos da Escola Municipal de Música de Santiago, de entre 7 e 14 anos, que dirixen as profesoras Olaia Novo e Simona Kantcheva, e cuxas voces foron seleccionadas expresamente para a estrea desta obra.

Ademais de compositor, Abe Rábade é un dos pianistas de referencia no panorama do jazz español. Naceu en Santiago de Compostela en 1977. Empezou a estudar música con catro anos. Licenciado cum laude en Composición de Jazz e Piano no prestixioso Berklee College of Music de Boston, ao longo da súa carreira recibiu innumerables galardóns nacionais e internacionais, entre eles o Premio Tete Montoliú ao pianista revelación en España, que lle concedeu a SGAE en 2011. Ofreceu concertos en Estados Unidos, México, Brasil, Cuba, Costa Rica, Guatemala, O Salvador, Chile, China, Francia, Finlandia, Alemaña, Suíza, Reino Unido, Portugal e Marrocos. En 1996 fundou Abe Rábade Trío en Boston. Dende 2009 é profesor de Piano e Composición na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto.

Grandes voces para a "Novena" de Beethoven
O concerto concluirá coa Sinfonía nº 9 de Beethoven, coñecida tamén como "Coral", a última sinfonía completa do compositor e unha das obras máis transcendentais e populares da música. O seu último movemento é unha final coral moi inusual na súa época e que se converteu nun símbolo da liberdade. Interpretarana grandes voces do panorama nacional. Trátase da soprano bilbaína Naroa Intxausti, a mezzosoprano catalá Marta Infante, o tenor madrileño Enrique Ferrer e o baixo zaragozano Isaac Galán, xunto ao Orfeón Terra A Nosa.

Charla previa co músico Abe Rábade e co director Paul Daniel
Antes da celebración do concerto de mañá xoves, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel e co pianista e compositor Abe Rábade. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: