POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello e a Asociación de Persoas Xordas de Compostela celebran os 40 anos da entidade

31/05/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá, acompañada do presidente da Asociación de Persoas Xordas de Compostela, José A. Pais, os actos que a entidade levará a cabo co gallo do seu 40º aniversario, que se celebra este vindeiro sábado 3 de xuño.

A concelleira destacou a colaboración existente entre o Concello e a Asociación de Persoas Xordas de Compostela, "coa que mantemos dende hai anos un convenio para poder ter unha persoa intérprete de lingua de signos no Concello e así facilitar a comunicación da Corporación e da cidadanía en xeral".

Concha Fernández quixo lembrar tamén que o Concello colabora coa Asociación na conmemoración do Día das Linguas de Signos, que terá lugar o vindeiro 14 de xuño, no que "haberá unha recepción municipal, procederase á lectura dun manifesto na praza do Obradoiro e iluminarase o Pazo de Raxoi para concienciar á sociedade".

Pola súa banda, José Pais fixo fincapé nas "dificultades" que se atopa o colectivo de persoas xordas no seu día a día, tanto a nivel educativo como sanitario ou en calquera outro eido. Así, destacou a importancia de que se leven a cabo accións e actividades de visibilización e denunciou que, a pesares de que a lingua de signos foi declarada como oficial en 2007, son moitas as administracións e entidades que carecen dun intérprete que facilite a comunicación.

40º aniversario
O Día das Linguas de Signos coincide case no tempo co 40º aniversario da entidade, que se celebrará o sábado 3 de xuño, a partir das 16:30 horas, no Auditorio Abanca.

Entre as actividades a desenvolver, o presidente da Asociación destacou a actuación de baile galego, protagonizada por varias persoas xordas, e o percorrido en vídeo que se fará pola vida e as accións realizadas pola Asociación de Persoas Xordas de Santiago. José Pais convidou á veciñanza a participar nestes actos do sábado, cuxa entrada é de bale ata completar aforo.

Xa o día 14, a Asociación, ademais de participar nos actos institucionais, colocará unha carpa informativa na praza Roxa para visibilizar as persoas xordas ou con dificultades auditivas. En Santiago son aproximadamente 150 os socios e socias da APSS.

Documentos relacionados



Compartir: