MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa un ciclo de documentais sobre loitas ambientais

30/05/2017 O 5 de xuño celébrase en todo o mundo o Día do Medio Ambiente, este ano baixo o lema "Conectando á xente coa natureza", e no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), celebrarano dun xeito moi especial, cun ciclo de documentais titulado "Loitas ambientais na Galiza", co que os/as participantes se poderán achegar a algunhas loitas que nos conectan coas feridas da nosa natureza máis próxima.

O ciclo consta de tres documentais feitos integramente en Galiza a través de proxectos colaborativos que nos achegan relatos sobre expropiacións e explotación da terra para usos cada vez menos responsables. Logo das proxeccións haberá coloquios con algúns dos profesionais que levaron a cabo estes traballos.

Este mércores 31 de maio, ás 18:30 horas, proxectarase o documental As Encrobas. A ceo aberto e posteriormente, haberá un coloquio co seu director, Xosé Bocixa Rei. Este filme narra a historia que viviron e viven veciños das Encrobas (Cerceda) dende o momento (1974) no que se propón a extracción de carbón soterrado debaixo dun gran e fértil val. Pretendíase, co apoio do réxime franquista, a expropiación de terras para que Unión Fenosa explotase a mina. Tras o conflito chegou un acordo que só foi parcialmente respectado. Trinta anos despois, case mil persoas tiveron que abandonar o val.

Ao día seguinte, xoves 1 de xuño, tamén ás 18:30 horas, exhibirase Tesouro de Corcoesto, de Cora Peña. A directora falará coas persoas asistentes sobre este filme, que trata sobre o conflito xurdido en torno ao proxecto de mina de ouro en Corcoesto, un caso que convulsionou a sociedade galega e que colocou a esta pequena localidade bergantiñá no mapa mundial de loitas ambientais.

Finalmente, o xoves 8 de xuño, novamente ás 18:30 horas, proxectarase En todas as mans, documental producido pola Cooperativa Trespés. Un dos seus integrantes, Alberte Román, participará no coloquio posterior. Este proxecto audiovisual pretende mostrar o mundo do monte veciñal en mancomún, unha realidade próxima, escasamente coñecida e pouco valorada pola sociedade galega. Presenta dous territorios, Galiza e Portugal, e unha ollada aos seus habitantes na procura dun horizonte: que os territorios que están nas súas mans sexan creadores de riquezas económicas, ambientais e sociais para os seus pobos.

A entrada a todas as proxeccións é de balde, se ben o aforo é limitado, cubríndose as prazas por orde de chegada.

Compartir: