DEPORTE

O Concello acometerá obras de reforma no pavillón do CEIP Apóstolo Santiago por importe de 300.000 euros

30/05/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá as obras que se acometerán no pavillón polideportivo do CEIP Apóstolo Santiago, que suporán un investimento duns 300.000 euros.

En palabras de Noa Morales, esta é unha "actuación moi necesaria", que permitirá realizar diversas obras tanto a nivel externo como na zona interior do pavillón, nunha instalación deportiva que ten 25 anos e sofre importantes deficiencias". Entre elas destaca a falta de accesibilidade no edificio, a ausencia de baños adaptados a persoas con mobilidade reducida ou as filtracións de auga na fachada.

Así, as actuacións que se levarán a cabo inclúen a mellora dos accesos dende o exterior, que permitirá comunicar de forma directa coa bancada do público. A maiores cubriranse estes accesos con marquesiñas para a protección do frío e a choiva. Tamén se eliminarán as filtracións de auga mediante a reparación de parte da cuberta do edificio

Mellora da accesibilidade
Unha das actuacións máis importantes será a relativa á mellora da accesibilidade, construíndo unha rampla de acceso e un aseo para persoas con mobilidade reducida.

Tamén se actuará nos vestiarios e na pista de xogo. Nos vestiarios realizarase un saneamento completo que ata agora non había, substituíndo equipamentos sanitarios e impermeabilizando a zona das duchas. Dese xeito obterase un aseo masculino, feminino e un aseo adaptado. En relación á pista de xogo, acometeranse tamén accións moi importantes que mellorarán a seguridade e o xogo dos escolares.

Substituirase o muro que separa a pista de xogo das bancadas por unha varanda de aceiro, pintaranse de novo as liñas e comprarase novo mobiliario e material deportivo, entre o que destacan canastras de dobre teito e altura para poder xogar a basket e minibasket, novas porterías de fútbol sala, bancadas de suplentes e mesa de árbitros.

Outras actuacións
Ademais das actuacións máis importantes acometeranse outras pequenas obras no almacén, na sala de acumuladores, no sistema de iluminación e nas instalacións eléctrica, de fontanería, de saneamento e contra incendios.

A obra está en fase de licitación e, unha vez adxudicada, terá unha duración aproximada de catro meses.

Compartir: