ACCIÓN CULTURAL

A SELIC programa diversas visitas guiadas a espazos emblemáticos de Compostela

23/05/2017 A praza da Quintana acollerá, do 2 ao 11 de xuño, a primeira Semana do Libro de Compostela, SELIC, impulsada polo Concello de Santiago en colaboración co propio sector. Pero a SELIC é moito máis, con actividades como visitas guiadas para descubrir a noite compostelá, a Alameda, o Museo do Pobo Galego ou a Casa da Troia.

O sábado 3, a partir das 12:00 horas,haberá unha visita guiada á exposición do artista lalinense Misha Bies Golas no local da DIDAC. Ese mesmo día, ás 22:30 horas, poderase viaxar ao corazón da escuridade compostelá a través do Totem da SELIC, que estará na praza da Quintana. Será unha boa oportunidade para repasar o percorrido dos protagonistas pola noite santiaguesa con Carlos Meixide.

As actividades non rematan aquí. O domingo, ás 12:00 horas, realizarase un percorrido natural pola Alameda de Santiago da man do biólogo Martín Souto. Xa o xoves, ás 17:00 horas, a atención céntrase no Museo do Pobo Galego cun percorrido guiado, e o venres, ás 20:30 horas, haberá unha ruta guiada e dramatizada ata a Casa da Troia. Finalmente, o sábado 10, ás 19:00 horas, oportunidade de participar na manifestación surrealista en defensa da obra compostelá de Urbano Lugrís que sairá do Totem SELIC da Quintana ata chegar a Porta Faxeira.

Compartir: