ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello invita a veciñanza a descubrir a Compostela medieval

29/05/2017 O Concello de Santiago volve poñer en marcha as visitas guiadas ao Castelo da Rocha Forte, pero desta vez ampliando os seus obxectivos, escenarios e discursos. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presentou o programa, acompañado pola arqueóloga municipal, Lola Cerqueiro.

Jorge Duarte explicou que "o obxectivo das visitas é contar a historia de Santiago durante a época medieval, e por iso as visitas ao Castelo da Rocha complementaranse con percorridos guiados pola muralla da cidade". Os dous elementos servirán como "fíos condutores dun percorrido polos tempos, espazos, personaxes e acontecementos da Compostela medieval".

Na mesma liña, a arquitecta municipal explicou que "o programa de visitas deste ano é máis ambicioso, porque inclúe dous escenarios distintos e complementarios". Lola Cerqueiro apuntou que "o Castelo e a muralla son dous símbolos do poder de Santiago, que serven de desculpa para coñecer un pouco mellor a historia da cidade e aprender a valorala aínda máis".

Visitas para grupos organizados ou para público en xeral
O programa inclúe tres tipos de visitas: á muralla, ao Castelo da Rocha Forte ou unha visita combinada ás dúas fortificacións. Neste caso, a visita inclúe o traslado en autobús.

As visitas serán os martes e mércores pola mañá para os escolares e para todo tipo de colectivos e asociacións, e os sábados e domingos para o público en xeral. En todos os casos, as visitas son de balde, pero é preciso inscribirse previamente, cando menos 24 horas antes do percorrido seleccionado.

As visitas estarán guiadas por monitores especializados en historia e historia da arte, que procurarán adaptar o seu discurso e as súas explicacións ás características de cada grupo de visitantes.

As inscricións poden formalizarse na web www.rochaforte.info. De xeito específico, os centros de ensino, colectivos e asociacións poderán inscribirse na mesma web, no teléfono no 685 860 773 ou no correo electrónico info@tesourosnovos.com.

Para calquera información, poderase acudir á Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación do Concello de Santiago, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: