FESTAS

María Fumaça e a Banda Municipal de Música despiden as festas da Ascensión 2017

27/05/2017 As festas máis picheleiras chegan ao seu fin con actividades para todos os públicos. O deporte continúa a ser unha das apostas destes festexos co Campionato Galaico-Portugués Sub 17 masculino, que terá lugar no Pavillón Municipal de Vite de 10:00 a 13:30 horas.

O domingo de Ascensión vén protagonizado tamén polo concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño. Farán ás 12:00 horas un concerto á carta composto polas obras elixidas polo público asistente aos concertos do 30 de abril, 7, 14 e 17 de maio.

O Teatro de Xavier Castiñeira abandona o Teatro Principal cun último pase, a partir das 19:00 horas, de Voaxa e Carmín, unha obra que recrea a vida de Maruxa e Coralia a través das magníficas interpretacións de Mabel Rivera e Belén Constenla e o texto de Esther F. Carrodeguas.

Ademais, péchase o ciclo Compostela é! Música coa actuación, na praza do Toural, de Gergelyes, que nos achegará a cultura húngara a través do seu folk e dos seus bailes. Será a partir das 20:00 horas.

María Fumaça
O público máis novo ten tamén o seu espazo nesta Ascensión. A praza da Quintana acolle a partir das 17:00 horas o espectáculo de María Fumaça, a pequena e a grande orquestra que entreterá durante unhas horas a pequenos e maiores.

María Fumaça é un proxecto musical de celebración da vida. Ducias de artistas cantando a alegría de vivir. Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina, Carlos Blanco, o noso Ruí, Familia Domínguez Senlle e moitas amigas e amigos viaxan no tren máis festeiro que nunca houbo nin haberá. É un dos proxectos musicais máis laureados dos últimos anos.

Compartir: