ALCALDÍA

O alcalde recibe os xornalistas Ignacio Ramonet e Ramón Chao

26/05/2017 O alcalde recibiu hoxe no Pazo de Raxoi a Ignacio Ramonet e Ramón Chao, dous grandes nomes do xornalismo nacidos en Galicia e asentados en Francia. Na xuntanza con Martiño Noriega tamén participaron a muller e o fillo de Chao, e o xornalista Moncho Paz.

Ignacio Ramonet naceu en Redondela en 1943, aínda que pasou a súa infancia en Tánxer para despois estudar en París. Catedrático de Teoría da Comunicación, dirixiu Le Monde Diplomatique dende 1991 ata 2008, e agora é o encargado da edición española deste xornal e dirixe Manière de voir. É tamén doutor honoris causa pola Universidade de Santiago.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935, e emigrou a Francia en 1956. Foi redactor xefe para América Latina de Radio Francia Internacional e colaborador dos xornais Le Monde e Le Monde Diplomatique. En 1991 foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia. Ten publicados máis de vinte libros, entre eles O Camiño de Prisciliano, escrito en galego.

Compartir: