FESTAS

A actuación de artistas locais e a experiencia da Real Filharmonía encherán Compostela neste venres das festas da Ascensión

25/05/2017 Este venres continúan as festas máis picheleiras do ano cunha ampla e variada oferta de actividades para todos os públicos que comezará ás 18:00 horas e rematará ben entrada a madrugada.

As actividades comezan no auditorio das Cancelas cunha nova edición de Compostela Decide, un conxunto de actividades dirixidas e elixidas pola mocidade no pasado proceso de orzamentos participativos. Así, o auditorio ao aire libre das Cancelas acolle a partir das 18:00 horas o Cancelas Fest, no que actuarán grupos locais da cidade. O festival pecharao ás 21:10 horas Mojo Experience, grupo compostelán que xa actuou nas pasadas festas do Apóstolo e que inaugurou o Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga. Xunto a eles actuarán Isla Canela (18:00 h), Pirocatus (18:40 h)m Inmates (19:35 h) e Catro Ghatos (20:20 h).

Real Filharmonía
A Quintana acolle a partir das 20:00 horas o esperado concerto da Real Filharmonía, cuxa entrada é libre e de balde ata completar o aforo da praza. O programa inclúe a Suite sifónica "Galaica", de L. García Taibo, e Scheherezade, de Rimsky-Korsakov. Este concerto estará dirixido polo británico Jonathan Webb, principal director invitado da Real Filharmonía de Galicia.

Jonathan Webb é convidado en numerosos teatros en toda Europa e colabora habitualmente cos máis importantes teatros italianos, recentemente o Maggio Musicale Fiorentino, o Teatro Comunale di Bologna, ou a Sagra Musicale Umbra en Perugia. Tamén é director invitado do Teatro Sao Carlos de Lisboa.

Chave, teatro e máis música
Tamén ás 20:00 horas, a Alameda, fronte a gardería de Santa Susana, acolle a que é xa a sesaxésimo primeira edición do tradicional Trofeo da Chave destas festas. Organiza a Asociación de Xogadores da Chave de Santiago. Na mesma Alameda, a partir das 22:30 horas, é a vez da Orquestra Costa Dorada, que fará bailar a maiores e mozos no seu paseo central.

A oferta continúa co teatro de Voaxa e Carmín, obra que chega ao Teatro Principal ás 20:30 horas. Está dirixida por Xavier Castiñeira e protagonizada por Mabel Rivera e Belén Constenla. O texto é de Esther F. Carredeguas.

Para rematar, a festa continúa na praza do Toural coa actuación do grupo de reagge/ska/mestizaxe Cachas & Cousins, dentro do programa de promoción dos artistas locais Compostela é! Música.

Xoves da Ascensión
A xornada grande das festas da Ascensión estivo marcada pola celebración da tradicional feira cabalar no Mercado Nacional de Gando de Santiago (Amio), cita á que acudiu o alcalde, Martiño Noriega, e outros membros da Corporación. Un ano máis, a presencia de xente foi masiva.

A celebración festiva continuou pola tarde coas actuacións nas rúas e prazas do Casco Histórico de Ultreia, Brincadeira, Colexiata do Sar e Cantigas e Agarimos. Tamén na cidade vella, no Toural, celebráronse as actuacións de Trópico de Grelos e Brinkadelia.

Ademais, a praza da Quintana acolleu os concertos de Myles Sanko e Eladio y los Seres Queridos. E na Alameda, a cita foi coa orquestra Metrópolis.

Compartir: