SAÚDE

Concha Fernández reúnese coa nova xerenta do CHUS, Eloína Núñez

22/05/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, mantivo esta mañá unha xuntanza coa nova xerenta do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Eloína Núñez. Trátase da primeira xuntanza despois do cambio de xerencia.

Concha Fernández trasladoulle á nova xerenta a necesidade de crear "un equipo de saúde en rúa para atender ás persoas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade social". Estes equipos virían a completar, dende o punto de vista sociosanitario, aos equipos de rúa municipais integrados no Plan de Atención ás Persoas sen Fogar.

Creación dun Consello de Área
A concelleira tamén lle trasladou diversas cuestións que se falaron no Consello Municipal de Saúde e transmitiulle unha vella reivindicación que xa fora trasladada ao anterior xerente relacionada coa necesidade de crear un Consello Municipal de Área no que teñan participación entidades e usuarios do Sergas.

Concha Fernández pediulle a Eloína Núñez información do estado dos plans asistenciais e funcionais que ten en marcha o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que xa foran reclamados en sesións anteriores do Consello Municipal de Saúde. Tamén lle lembrou que o Concello de Santiago remitiu varios escritos preguntando polo estado das urxencias en momentos clave como nos picos de gripe ou nos momentos de colapso coas listas de agarda, situación que se empeora no verán polo peche de camas.

Ademais, a concelleira falou coa xerenta sobre o informe elaborado por Médicos do Mundo sobre a vulneración de dereitos de saúde nas persoas migrantes.

Esta é a primeira xuntanza que mantén a concelleira de Políticas Sociais coa nova xerenta do Complexo. Por iso aproveitou a reunión para darlle a benvida e desexarlle éxito na xestión do CHUS.

Compartir: