CONSORCIO

A Real Filharmonía ofrece este venres un concerto gratuíto na Quintana no marco da Acensión

22/05/2017 A Real Filharmonía de Galicia vai ofrecer dous concertos esta semana. O primeiro terá lugar o xoves 25 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. E o venres, a agrupación tocará de balde en Santiago, na praza da Quintana, no marco das festas da Ascensión, ás 20:00 horas (en caso de choiva o concerto suspenderase). En ambas as actuacións levará a batuta o aclamado mestre londiniense Jonathan Webb, que esta tempada estreouse como principal director convidado da orquestra.

Os concertos comezarán coa estrea en España da Suite sinfónica "Galaica", do compositor compostelán Luís Taibo García (1877-1954). A obra, da que se conmemora o primeiro centenario da súa composición, foi recuperada polos musicólogos Beatriz e Alberto Cancela dentro do proxecto "Descubrindo nosas músicas".

O autor inspirouse no poema "Aromas de lenda", de Valle-Inclán para compoñer esta partitura, que escribiu en México no ano 1917, reflectindo nela a súa melancolía pola súa Galicia natal. A obra estreouna en 1921 a Orquesta Sinfónica de Guadalaxara (actual Orquesta Filarmónica de Jalisco), dirixida por Amador Juárez, no Teatro Degollado de Guadalaxara. A obra tivo tanto éxito que tivo que repoñerse uns días máis tarde.

En 1953, a obra interprétaa en Bos Aires a Orquesta Sinfónica LRA de Radio Nacional, dirixida polo mestre de ascendencia galega Washington Castro, nos actos conmemorativos do Día de Galicia. A calidade da orquestra permitiu realizar unha gravación da obra; enviouse unha copia ao compositor, que se atopaba xa moi enfermo, e outra a Radio Vigo para a súa difusión.

Ambos os concertos concluirán coa obra Scheherezade, de Rimski-Kórsakov (1844-1908), inspirada en As mil e unha noites, unha recompilación de contos árabes do Oriente Medio medieval. É a partitura máis importante e popular do compositor ruso.

A batuta de Jonathan Webb
Estes dous concertos serán dirixidos polo mestre Jonathan Webb, principal director convidado da RFG. Estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. Foi director do Teatro da Ópera de Tel Aviv. É convidado a dirixir en numerosos teatros de toda Europa e colabora habitualmente cos máis importantes teatros italianos e co Teatro São Carlos de Lisboa. Dirixe con frecuencia orquestras en Alemaña, Irlanda, Austria, Rusia... tamén en Israel e realizou xiras por China e Xapón. Participou no concerto que tivo lugar no Coliseo de Roma por primeira vez en 1.500 anos con motivo da celebración de "Coliseo 2000". Dende setembro de 2014 é director musical da agrupación italiana Camerata Strumentale "Città dei Prato".

Compartir: