BENESTAR SOCIAL

Compostela forma futuros voluntarios

04/12/2006 Na véspera da celebración do Día do Voluntariado, a Comisión de Voluntariado do Consello Municipal de Servizos Sociais pon en marcha a ampliación da campaña "Sácalle Punta". Esta campaña pretende promover a acción social entre os mozos e mozas de Santiago.

A concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, acompañada de representantes das entidades da Comisión, presentou esta iniciativa, dirixida aos mozos e mozas dos centros de ensino secundario e de formación profesional de Santiago. Consiste na simulación co alumnado da dinámica de grupo "A pequena cidade", un xogo de rol onde cada participante asume un papel determinado. Deste xeito buscarase que estes mozos e mozas se sintan partícipes e queiran desempeñar un labor social.

Por outra banda, preséntaselle unha relación de áreas nas que se poden desenvolver actividades de voluntariado a fin de que poidan definir as súas preferencias e gustos. Por último, trabállase sobre os valores persoais e sobre as actitudes adoptadas por cada individuo. Ao remate dáse paso a unha fase de avaliación.

Na pasada edición desta campaña, máis de 500 rapaces e rapazas dos centros educativos de Santiago tomaron parte nestas actividades.

Unha novidade da campaña "Sácalle punta" en 2006 é a realización do "Boletín informativo das entidades de acción social de Santiago", que quere servir de canle informativa das actividades destas asociacións e dos seus proxectos e demandas. Nesta publicación, a Comisión ofrece a oportunidade de darse a coñecer a aquelas entidades con menor capacidade de promoción social. A súa periodicidade é trimestral.

O Centro Don Bosco, a Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), Intered, a Oficina de Voluntariado da USC, o Teléfono da Esperanza e o Voluntariado Social Rogas, pertencentes á Comisión de Voluntariado do Consello Municipal de Servizos Sociais, participan desta iniciativa.

Compartir: