EDUCACIÓN E CIDADANÍA

As agrupacións da Escola Municipal de Música ofreceron un concerto na praza das Praterías con motivo das Letras Galegas

20/05/2017 Este sábado celebrouse na praza das Praterías o concerto que, con motivo das Letras Galegas 2017, prepararon nos últimos meses varias agrupacións da Escola Municipal de Música: o Coro de Adultos, coa súa directora Simona Kantcheva; a Banda de Música, da que é director Óscar Fernández, e a Agrupación de Música Tradicional, co seu director, Pablo Pascual, á fronte. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu ao concerto.

Máis de 70 intérpretes, alumnos e alumnas das diferentes especialidades e agrupacións, participaron neste concerto. Deste xeito, a EMM saíu unha vez máis á rúa para dar a coñecer o traballo da institución, que xoga un papel clave na extensión da educación musical entre toda a cidadanía de Compostela.

As familias e moitos visitantes gozaron dun repertorio da música popular de Galicia, coa que a EMM se uniu á homenaxe a Carlos Casares, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas neste ano 2017. Así, o Coro de Adultos, interpretou a "Pandeirada de Vilariño" e a peza "O Mariñeiro e o Demo", un romance con arranxos de Paulino Pereira. Pola súa parte, a Agrupación de Música Tradicional tocou a "Churrusqueira de San Roque"; "More", de Riz Ortolani, e "Rumba dos Seis do Condado"; todas elas con arranxos de P. Pascual.

A Agrupación de Música Tradicional e o coro de Adultos uníronse para interpretar "A Santiago Voy", de R. Ceratto e P. Romo, e "O Tren", de Andrés L. Dobarro, tamén con arranxos de P. Pascual. Ademais, a Banda da Escola Municipal de Música tocou a "Balada Galega", de X. Montes, e a "Fantasía sobre tres temas galegos", de S. Couceiro. Finalmente, a Agrupación, a Banda e o Coro de Adultos uníronse para interpretar "Aí vén o Maio", de L. E. Batallán, a partir dun poema de Curros Enríquez.

Compartir: