XUNTA DE GOBERNO

Adxudicados dous novos paquetes de obras de mellora da pavimentación nos viarios do rural

19/05/2017 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe dous novos contratos de obras de mellora de pavimentación de viarios en varias parroquias do rural, que suporán un investimento total de case 200.000 euros. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que se trata de actuacións "financiadas con cargo ás achegas da Deputación da Coruña, dentro do compromiso do Goberno de destinar á zona rural a totalidade desas partidas provinciais".

O primeiro paquete inclúe actuacións de mellora dos viarios das parroquias de Busto e Marantes, e foille adxudicado á empresa Obras y Viales de Galicia por un importe de case 100.000 euros. A actuación enmárcase no POS 2016 da Deputación da Coruña.

O outro contrato inclúe obras de mellora e rehabilitación de pavimentos en Villestro. O Eixo e Aríns, e o orzamento achégase tamén aos 100.000 euros. Neste caso, da actuación encargarase a empresa Excavaciones Santiños SL.

Aínda en materia de obras vinculadas, a Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto corrixido de repavimentación da avenida de Vilagarcía, incluído no plan DTC da Deputación da Coruña. O alcalde explicou que as correccións aprobadas hoxe "son cuestións menores apuntadas polo organismo provincial e que non lle afectan nin ao proxecto nin ás cantidades". Martiño Noriega mostrouse confiado en que "este trámite lle poña fin ao tortuoso procedemento que rodea esta obra, e que se tivo que paralizar porque non obtivo o preceptivo visto bo de Patrimonio, cando lle afecta ao Camiño de Santiago".

Convenios e subvencións
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe varios convenios de colaboración. Un deles é un acordo entre o Concello e a Fundación Cidade da Cultura, co obxectivo de que neste espazo se poidan celebrar algunhas das accións do programa Compostela Móvese. Tamén se lle deu o visto bo a un convenio co Club de Atletismo Fontes do Sar para o desenvolvemento da 3ª edición da carreira nocturna SantYago10K, á que o Concello destinará unha achega de 12.000 euros.

Por outra banda, o Goberno local acordou solicitar á Consellería de Política Social unha subvención de case 6.000 euros para a posta en marcha de iniciativas de promoción de hábitos saudables entre os mozos e mozas de 14 a 30 anos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: