CONSORCIO

Novo programa para a rehabilitación dos elementos catalogados nos edificios e vivendas da Cidade Histórica

02/12/2006 O Consorcio de Santiago lanza un novo programa de axudas para subvencionar a rehabilitación dos elementos especiais de madeira dos edificios e vivendas da Cidade Histórica. Estas axudas van dirixidas a aqueles inmobles incluídos no ámbito do Plan Especial de Protección, polo que posibilitan e garanten a conservación dos mesmos.

Estas subvencións pretenden fomentar a execución de obras de rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira, tales como galerías, fiestras, portas, etc. Para o desenvolvemento deste programa, dentro da presente convocatoria, o Consorcio destina 200.000 euros.

A contía da subvención fixarase en función dos seguintes criterios: un 50% para obras de rehabilitación e restauración onde se manteña o elemento orixinal de madeira, e un 40% para obras de reposición onde se substitúe o elemento por un novo.

O orzamento subvencionable corresponderase co custo real das obras, determinado polo prezo total do contrato de execución das mesmas. En calquera caso, e para obras de reposición, establécese un orzamento máximo de 1.200 euros por módulo no caso de galerías, 500 euros por metro cadrado en portas, 375 por metro cadrado en fiestras con cara interior, 300 por metro cadrado en fiestras con cara exterior e 300 euros por metro cadrado en contrafiestras.

En tódolos casos a superficie mínima subvencionable será dun metro cadrado e no caso de restauración non se establece un orzamento subvencionable máximo. As obras serán valoradas polo Consorcio, que elaborará os informes técnicos necesarios, previa inspección técnica do edificio ou vivenda.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas que sexan propietarios, arrendatarios ou aquelas persoas que ostenten algún dereito de uso sobre os edificios ou vivendas nos que se sitúen os elementos de madeira. Tamén poderán beneficiarse as comunidades de bens sobre edificios ou vivendas e as comunidades de propietarios en edificios con réxime de propiedade horizontal.

As solicitudes poden presentarse na Oficina Municipal da Cidade Histórica e de Rehabilitación (Ocihr), situada nos baixos do Pazo de Vaamonde, Rúa do Vilar, nº 59. O prazo de solicitude remata o 17 de decembro.

Na presentación deste programa participaron o presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o director da Oficina Técnica de Rehabilitación, Ángel Panero.

Compartir: