ESPAZOS CIDADÁNS

O Pleno debaterá a suspensión da concesión de licenzas no antigo Colexio Peleteiro e da parte privada da Finca do Espiño

16/05/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe de dúas propostas que levará para o seu debate no Pleno da Corporación do próximo xoves, relativos ao ámbito do antigo Colexio Peleteiro e á parte privada da Finca do Espiño. Jorge Duarte explicou que se trata de dúas propostas para a suspensión temporal de concesión de licenzas, que van vinculadas á posible modificación da ordenación urbanística dos dous ámbitos

De ser aprobada, a proposta relativa ao antigo Colexio Peleteiro suporía a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelamento, edificación e demolición no ámbito do PERI-12, a parcela que ocupaba o centro escolar entre as rúas República Arxentina e San Pedro de Mezonzo. Jorge Duarte explicou que esta suspensión afectaralle "ás obras de nova edificación, rehabilitación integral, ou reformas que supoñan un aumento do volume edificado". A suspensión tería a duración dun ano.

O edil de Espazos Cidadáns explicou que esta suspensión de licenzas prodúcese ao mesmo tempo que "os técnicos da área de Urbanismo estudan as posibilidades de modificar a ordenación urbanística vixente neste ámbito, co obxectivo de adaptar os seus usos ás necesidades reais da zona". Neste sentido, Jorge Duarte lembrou que a ordenación actual contempla un aproveitamento de 23.500 metros cadrados, cun máximo de 12.000 metros cadrados para uso comercial e de restauración-ocio, un máximo de 7.000 metros para uso hoteleiro e/ou residencial comunitario, e un máximo de 4.500 metros para a construción de vivendas. Tamén se prevía a construción de oficinas e dun garaxe-aparcadoiro cun mínimo de 400 prazas.

O concelleiro lembrou que estas reservas "fixéronse nun momento, nos anos 2003 e 2005, nos que o Concello entendía que era preciso un centro comercial para revitalizar o Ensanche, pero na actualidade entendemos que o que urxe é favorecer o pequeno comercio local no centro urbano". Para iso, apuntou, "o obxectivo é limitar o uso comercial unicamente a planta baixa, reducir o volume edificado e mellorar a ordenación do espazo público". Con este obxectivo, aumentaríase a superficie destinada a vivendas, coa condición de que un mínimo do 25% sexan vivendas protexidas. Jorge Duarte relatou que a proposta do Concello "conta co visto bo dos propietarios da parcela, incluído o SAREB, e tamén foi aprobada no marco da mesa local do comercio".

Finca do Espiño
No caso da Finca do Espiño, tamén se propón a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelamento e edificación, no ámbito do equipamento privado da parcela. A medida estará vixente polo prazo dun ano
. O concelleiro explicou que os técnicos da área de Urbanismo tamén estudarán neste caso as posibilidades de modificar a ordenación urbanística destes terreos, que na actualidade teñen a condición de solo urbano consolidado. Jorge Duarte apuntou que "a ordenación urbanística deste ámbito fíxose pensando no proxecto realizado para a zona polo prestixioso arquitecto francés Jean Nouvel, que vinte anos despois non se chegou a executar". Ademais, salientou que "durante este tempo a propiedade da parcela mostrou máis intención de implantar usos asimilables ao de vivenda que ao residencial comunitario, como estaba inicialmente previsto".

Para o edil de Espazos Cidadáns, "hai que garantir os usos previstos no convenio", e estudar unha nova ordenación que "teña máis en conta a integración paisaxística da parcela privada da Finca do Espiño, porque tamén existe unha maior sensibilidade medioambiental nas actuacións de dotación urbana".

Compartir: