FESTAS

Antonio Carmona substituirá a Kiko Veneno no concerto do sábado da Ascensión

12/05/2017 O artista catalán Kiko Veneno vén de comunicar que, por motivos de saúde, vese obrigado a cancelar o concerto que tiña previsto para o sábado 27 de maio no marco das festas da Ascensión.

O cantante viuse obrigado tamén a cancelar o concerto que ía dar esta fin de semana nas festas de San Isidro, en Madrid. No seu lugar actuará Antonio Carmona, antigo membro do grupo Ketama, que sairá ao escenario a partir das 23:00 horas. Xusto antes será o turno do grupo Translations Trio e convidados, con Marcos Teira á guitarra flamenca, Alfonso Calvo ao contrabaixo, Moisés Fernández ao caixón, Alejandro Vargas ao piano e Isaías Monteiro ao baile.

Antonio Carmona
Despois da separación de Ketama, Carmona iniciou a súa carreira en solitario co disco Vengo venenoso, editado en 2006 por Universal Music e que conta coas colaboracións de La Mala Rodríguez, Juanes ou Alejandro Sanz.

Tras o éxito deste primeiro álbum, Antonio Carmona volve cun novo disco en 2011 titulado De noche. Formado por 12 temas, conta coa colaboración de artistas como Nelly Furtado e Concha Buika. En 2017, despois de 6 anos en silencio publica un novo disco chamado Obras son amores e cuxo primeiro single leva por nome "Mencanta".

Os veciños e veciñas de Compostela poderán disfrutar o sábado 27 de maio deste novo traballo de Carmona, acompañado dos seus grandes éxitos.

Documentos relacionados



Compartir: