XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a programación de verán dos departamentos de Educación e de Mocidade

12/05/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a programación de verán dos departamentos municipais de Educación e Mocidade. No caso da concellaría de Manuel Dios, recibiu luz verde o programa municipal de conciliación Escolas de Verán 2017, para o que se abre o prazo de inscrición entre os días 15 e 29 de maio.

En canto á Concellaría de Mocidade, que dirixe Noa Morales, apróbase a programación que se desenvolverá nos meses de xuño, xullo e agosto, cun gasto que supera os 18.000 euros. Tamén se aprobou o prezo público do Campamento Xuvenil Surf Camp, que se celebrará do 3 ao 20 de xullo, e acordouse a gratuidade do Curso de Premonitor de Tempo Libre.

Fogos do Apóstolo
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de deseño, produción, montaxe e realización dos Fogos do Apóstolo, tanto do 24 como do 31 de xullo,. O orzamento achégase aos 220.000 euros, como en anos anteriores. O alcalde lembrou que "os espectáculos do Apóstolo son financiados polo Consorcio", e adiantou que seguirán "o modelo dos últimos anos, por mor das obras na fachada da Catedral".

Outras licitacións
Na reunión de hoxe tamén se aprobou a apertura de varios procedementos de adxudicación. Un deles é do servizo de comunicación e xestión de incidencias, coñecido como Liña Verde, que sae a licitación cun orzamento de 6.000 euros/ano.

Ademais, aprobouse o inicio do procedemento de adxudicación do servizo de mantemento e actualización do portal Orzamento Aberto, tamén cun orzamento de 6.000 euros/ano.

Adxudicouse igualmente o servizo de coordinación e dinamización do proceso de orzamentos participativos Compostela Decide Ano 2018. A empresa adxudicataria resultou ser Cidadanía, por un importe de case 73.000 euros.

Estacionamento da Pontepedriña
Por último, a Xunta de goberno acordou executar o acordo do pleno do xurado de expropiación forzosa polo que se fixou como prezo xusto da finca na que se localiza o aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña en 3.890 euros. O alcalde explicou que Adif, propietaria dos terreos, reclamáballe ao Concello como pago case 300.000 euros, e o Concello entendía que tiña que pagarlle algo menos de 3.000. Finalmente, Martiño Noriega sinalou que a decisión "vén darlle a razón ao Concello e, aínda que a decisión podería ser recorrida por Adif, non adoitan adoptarse posturas contrarias á do tribunal do prezo xusto".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: