XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas obras de pavimentación no rural por case 250.000 euros

12/05/2017 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe dous lotes de obras de mellora da pavimentación en diferentes parroquias do rural de Compostela, enmarcadas no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña correspondente a 2016.

O primeiro paquete inclúe actuacións en viarios de Enfesta, Villestro e O Eixo, das que se encargará a empresa Leonardo Miguélez S.L. O orzamento para estas obras é de case 100.000 euros. O segundo paquete, adxudicado á empresa Obras y Viales Cerne S.L, contempla obras de mellora da pavimentación en viarios de Santa Cristina de Fecha, Grixoa, Verdía, Nemenzo, Busto, Barciela, Cesar, Carballal, San Caetano e Laraño. O orzamento neste caso é de algo máis de 130.000 euros.

Deportes
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou prorrogar o contrato de xestión do parque deportivo de Sar e do complexo deportivo municipal de Santa Isabel, coa sociedade mixta Xade. O alcalde explicou que esta prórroga se aproba ata maio de 2018. Martiño Noriega lembrou que o Consorcio, propietario do Multiúsos de Sar, "ten unha advertencia da Avogacía do Estado porque non pode encomendar a xestión dos seus espazos a empresas que non teñan unha maioría pública". No caso de Xade, a participación municipal é do 33%, polo que a posibilidade de prorrogar o seu contrato expirará en 2019. O alcalde explicou que "agora facemos unha prórroga por un ano, porque queremos solucionar a situación antes do prazo límite do 19".

Relacionado co ámbito deportivo, a Xunta de Goberno adxudicou hoxe o servizo de mantemento e conservación dos campos de fútbol municipais e as zonas verdes anexas ás instalacións deportivas. A empresa que se encargue deses traballos será CESPA, por un orzamento de case 160.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: