O Concello detecta defectos na obra da rúa de Montero Ríos e dálle 15 días á empresa para emendalos

11/05/2017 O Concello de Santiago vén de detectar algúns defectos na actuación de humanización da rúa de Montero Ríos, que impediron asinar hoxe a recepción das obras, tal e como estaba previsto. A empresa construtora ten agora un prazo de 15 días laborables para corrixir os erros, antes de que a actuación sexa recibida polo Concello.

O defecto construtivo máis importante ten que ver coa recollida de augas pluviais en superficie, no tramo entre a rúa Xeneral Pardiñas e a rúa Alfredo Brañas. Neste punto prodúcense empozamentos de auga porque a pendente que se lle deixou á calzada é contraria á localización dos sumidoiros. Para corrixilo, será preciso repavimentar este tramo.

A maiores, os técnicos municipais detectaron defectos na calidade de execución das papeleiras da rúa e denunciaron o mal estado das placas identificativas de tapas e arquetas, que parecen oxidadas. A empresa construtora tamén deberá emendar estes defectos no prazo máximo de 15 días hábiles.

Compartir: