LINGUA E EDUCACIÓN

O Auditorio de Galicia acolle o II Encontro Regueifesta de improvisación oral en verso

11/05/2017 O Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) acolleu esta tarde a presentación da Regueifesta, un evento arredor da regueifa que busca fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade. Na rolda de prensa estiveron presentes o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O II Encontro Regueifesta de improvisación oral en verso celebrarase este venres a partir das 10:30 horas no Auditorio de Galicia. Regueifesta é un proxecto innovador que está a impulsar a improvisación oral en verso -valores, aprendizaxes e novas normas socio-culturais- no ámbito educativo. O seu obxectivo é impulsar un proceso de transformación a través da lingua, a música e os valores de xustiza social, dende a dimensión lúdica da regueifa e implicando a comunidade educativa e múltiples axentes sociais.

Regueifesta desenvolve un proceso de participación para a normalización lingüística, impulsando dinámicas de activismo no ámbito educativo, dende o protagonismo do alumnado, profesorado e comunidade educativa e vinculando a escola co movemento social.

O proxecto está a ser impulsado, inicialmente, polos institutos de Baio e As Cruces, e no Encontro Regueifesta deste venres participarán 20 centros de ensino de Compostela e do resto de Galicia. Ademais, tamén chegará o IES de Arratia, dende o País Vasco, para participar no segundo intercambio educativo Regueibertso de improvisación oral.

Xa está confirmada a asistencia de 1.000 estudantes que encherán as butacas do Auditorio de Galicia. No palco participarán regueifando Alba Maria e Josinho da Teixeira; o alumnado do IES de Viana do Bolo animaranos co seu folión; o grupo VintenBaio do IES de Baio presentará o seu disco Aínda queda xera; o alumnado do IES Antón Fraguas porá a bailar a todo o auditorio coa súa proposta musical; e o alumnado do IES de Arratia improvisará bertsos (a expresión vasca da improvisación oral en verso).

Ademais, a Regueifesta presenta a nova fornada da regueifa: Xairo de Herbón, Esther Porrit, Noa de Capón, Nuria das Cruces, Lorena Medela e Xandro de Baio.

Terá lugar tamén a entrega de premios do I Certame Enreguéifate, impulsado polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago, co obxectivo de dar a coñecer o repente galego entre a xente nova. A artista Lidia Botana, Bolboreta, tamén actuará na Regueifesta como madriña do evento, presentando o tema "Boina e txapela", himno do proxecto deste ano.

I Festival Boina e Txapela
A Regueifesta continúa a súa celebración pola tarde, no Centro Xove da Almáciga, co I Festival Boina e Txapela, unha festa musical de freestyle, rap e rock que contará coa participación de Garcia MC e DJ Mil, Moudafaca e Gato Persa, Lidia Botana e, dende Euskal Herria, Radio Revolución. Haberá un tempo para micro aberto e improvisación de quen queira participar. Este festival terá lugar a partir das 19:00 horas.

A Concellaría de Educación e o Departamento de Lingua do Concello de Santiago, a Vicepresidencia da Deputación da Coruña e a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza son as tres entidades públicas que colaboran no Encontro Regueifesta e no Festival Boina e Txapela
O Festival -no que colaboran o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña- ten como obxectivo promover a lingua galega entre a xente nova, especialmente nos espazos de ocio e tempo libre e nas relacións informais. Ademais, quere impulsar a lingua galega nos ámbitos da improvisación oral urbana, do freestyle e o rap, onde o galego cada vez ten máis presenza social.

Compartir: