CONSORCIO

Segue aberta a inscrición no curso de Especialización Instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais

11/05/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión.

O curso académico comeza no mes de outubro de 2017 e remata en xuño de 2018. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os/as participantes terán a oportunidade de ofreceren concertos públicos. O alumnado recibirá un diploma acreditativo dos seus estudos.

As solicitudes deberán presentarse ata o día 8 de xuño a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as interesados/as terán que xuntar o seu currículo, indicando o curso que están a realizar na actualidade, así como a relación de obras que van interpretar nas probas de selección. Darase prioridade aos/ás aspirantes que non tivesen realizado estudos noutras edicións do Curso de Especialización Instrumental.

Probas e criterios de selección dos candidatos
As probas de selección das diferentes especialidades terán lugar os días 15, 16 e 17 de xuño na sede da Escola de Altos Estudos Musicais. O centro disporá de pianistas acompañantes para quen o solicite no boletín de inscrición. Aqueles candidatos e candidatas que non consigan praza pasarán a integrar unha lista de espera.

Compartir: