MEDIO AMBIENTE

A adecuación do contorno da lagoa de Cornes permitirá gañar un novo espazo verde para a cidade

11/05/2017 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia vén de poñer en marcha o acondicionamento do contorno da lagoa de Cornes, co obxectivo de gañar un novo espazo verde para a cidadanía. O proxecto foi presentado este xoves polo edil Xan Duro, quen explicou que "non se vai facer un parque ao uso, senón que se respectará e potenciará un espazo natural moi singular que sorprendentemente sobreviviu malia a estar rodeado de infraestruturas".

A actuación presentada polo concelleiro de Medio Ambiente aféctalle á área comprendida entre o núcleo tradicional de Cornes, as rúas Romero Donallo e Escultor Camilo Otero e o trazado da liña do ferrocarril. É, polo tanto, un ámbito fortemente afectado pola presenza de numerosas infraestruturas de comunicación.

A coñecida como lagoa de Cornes atópase na zona de menor cota destes terreos, e recolle as augas da valgada que finalmente acaban no río Sar a través do subsolo. Xan Duro lembrou que a súa orixe podería estar relacionada "coas sucesivas obras da vía do ferrocarril, que deixaron un terreo sobreelevado que separa a valgada e a canle do Sar, e sen unha conexión directa para as augas entre ambos espazos".

Novos sendeiros e especies autóctonas
Xan Duro explicou que hoxe mesmo comezaron os traballos para retirar o lixo presente na zona, e tamén algunhas especies exóticas que lle poidan afectar á biodiversidade da lagoa. Despois plantaranse 25 carballos e sementarase herba de pradeira natural. Tamén está previsto que se acondicionen tres sendeiros, dous pola zona central do ámbito e outro polo borde, para conectar a zona coa rúa Escultor Camilo Otero.

Miradoiros
Aínda que a lagoa seguirá pechada, no proxecto inclúese a creación de dúas zonas de miradoiro. Unha delas, aproveitará o punto máis alto no contorno da lagoa, xunto á rúa Escultor Camilo Otero e, segundo explicou o concelleiro, "será un miradoiro singular, con paredes de madeira nas que se abrirán ocos dende os que se poderá observar a lagoa sen afectarlle á súa protección". A outra zona será unha especie de área de descanso na que se van instalar uns bancos singulares "que se construirán aproveitando grandes pezas do antigo colector que apareceron na zona, que teñen máis de metro e medio de diámetro, e deste xeito son recuperadas para un novo uso".

Xan Xuro reiterou que a intención do Concello é que "a lagoa siga protexida pola vexetación natural e polo valado instalado hai case dez anos, que impediu o acceso de animais que interfiran coa biodiversidade natural do espazo.

O acondicionamento do contorno da lagoa de Cornes custará 20.000 euros, que serán achegados pola promotora do SUP-2, situado neste ámbito. O prazo de execución dos traballos é dun mes.

Compartir: