ALCALDÍA

O alcalde agradece o compromiso de Adif co proxecto da estación de mercadorías da Sionlla

11/05/2017 O alcalde reiterou hoxe a súa satisfacción cos resultados da xuntanza que mantivo onte en Madrid co presidente de Adif, que cualificou de "moi frutífera". Martiño Noriega salientou que Juan Bravo expresou o seu compromiso co proxecto da estación de mercadorías da Sionlla, "que o sector empresarial da cidade leva anos reclamando".

O rexedor explicou que o presidente de Adif mostrou a súa vontade de manter unha xuntanza cos sectores implicados, aproveitando a visita que fará proximamente a Santiago para reunirse cos responsables da Consellería de Infraestruturas. Nese encontro, Juan Bravo manifestará a intención do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias de que as vías do ferrocarril cheguen ata A Sionlla, nunha operación que tal e como recordou Martiño Noriega "é vital mesmo para que algunhas empresas se sigan desenvolvendo en Compostela".

Intermodal
En canto á estación intermodal, o alcalde incidiu en que a reunión de onte "permitiu avanzar para lograr o obxectivo de iniciar a licitación da primeira fase da infraestrutura a finais deste ano ou principios do que vén". Para iso, o Concello comprometeuse en ter dispoñibles todos os terreos precisos para a actuación. Tamén puxo o acento no compromiso expresado por Juan Bravo de "iniciar a tramitación da segunda fase da infraestrutura, que requirirá un traballo dunha duración estimada de 18 meses". Para Martiño Noriega, "deste xeito, Adif demostra que a súa vontade é acometer o conxunto do proxecto, máis alá da cláusula dos 3,5 millóns de pasaxeiros",

Estacionamento de Pontepedriña
Outro dos acordos acadados na reunión de onte ten que ver co aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña. O alcalde lembrou que o acordo con Adif incluía que este estacionamento tiña que ser gratuíto, pero o presidente da entidade accedeu onte á petición do Goberno local para "introducir algún tipo de cobro que non sexa lucrativo para o Concello, pero si garanta a rotación de vehículos nunha zona do Ensanche tan sensible". Martiño Noriega explicou que o Executivo xa ten elaborada unha proposta inicial que "haberá que perfilar, pero que se limita ao cobro dunha cantidade mínima que se destinará a pagar a vixilancia deste espazo e os sistemas técnicos necesarios para promover a rotación".

Angrois
Por último, o alcalde aproveitou a reunión de onte para pedirlle a Adif que acceda a destinar a novas actuacións en Angrois o remanente económico que quedara da execución dunha zona de descanso para peregrinos, un parque público e un parque infantil neste barrio. O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias destinara a esta actuación 300.000 euros, pero "as baixas das ofertas das empresas permitiron un aforro de 60.000 euros, e Adif estaba reclamándolle a súa devolución ao Concello". Martiño Noriega presentoulle onte a Juan Bravo unha memoria valorada dun proxecto ao que destinar ese diñeiro, "para conectar mellor as tres zonas xa arranxadas e integralas mellor no espazo do barrio", e que obtivo o visto bo do presidente de Adif.

Por último, na reunión de onte tamén se repasou o estado no que se atopa o proxecto da Vía Verde. O alcalde confirmou a próxima sinatura do convenio para ocupar os terreos de Adif e "relanzar así un proxecto que leva esperando desde 2007".

Compartir: