EMIGRACIÓN

Sánchez Bugallo entrevístase co vicepresidente arxentino

26/04/2005 O Vicepresidente da Arxentina amosou un especial interese polo situación dos emigrantes galegos na Arxentina, situación que lle foi exposta polo alcalde de Santiago de Compostela e Presidente da Mancomunidade de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, na Casa Rosada.

O vicepresidente da Nación de Arxentina, Daniel Osvaldo Scioli, recibiu o luns, 25 de abril, ao alcalde de Santiago de Compostela e á concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, na Casa Rosada, sede da Presidencia da República. A visita do alcalde compostelán enmárcase na viaxe institucional a Buenos Aires e Montevideo dos alcaldes que integran a Mancomunidades de Santiago.

O vicepresidente arxentino amosouse moi interesado pola situación dos inmigrantes arxentinos en España e Galicia, polo que Sánchez Bugallo explicoulle o programa de regularización de inmigrantes que está a levar a cabo o goberno español, así como a posta en marcha dunha oficina de emigración e inmigración en Santiago de Compostela e outra de atención a emigrantes en Buenos Aires, que axudan nos procesos de regularización.

Así mesmo, o alcalde compostelán amosou a súa preocupación polos galegos que residen en Buenos Aires e que queren volver para España, unha cuestión "delicada" na súa opinión, posto que moitas destas persoas teñen xa unha idade avanzada e cando regresan a Galicia síntense moi desarraigados e, aínda que naceran en Galicia, añoran o país no que viviron, polo que é preferíbel "que residan en Arxentina pagándolles unha pensión española".

Daniel Osvaldo Scioli, que por parte da súa avoa materna ten raíces galegas, manifestou o seu desexo de visitar proximamente Santiago de Compostela. Ademais, interesouse pola taxa de paro da cidade compostelá e pola alta porcentaxe de arxentinos que emigraron a esta cidade, e que traballan maioritariamente, segundo explicou o alcalde de Compostela, na hostalería e no pequeno comercio.

Durante a audiencia, alcalde e vicepresidente intercambiaron impresións sobre a situación económica dalgúns países europeos, así como sobre a situación socioeconómica actual de Arxentina. O alcalde compostelán apuntou que notara "unha notábel melloría" con respecto á visita do ano pasado.

Antes de marchar, Sánchez Bugallo e Teresa Regúlez fixeron entrega dun gravado que o artista compostelán Quintana Martelo fixera con motivo da designación de Compostela como Capital de Galicia no ano 2002.

Na tarde de mesmo luna os alcaldes da Mancomunidade foron recibidos polo embaixador de España en Arxentina, para despois manter unha audiencia cun grupo de deputados no Senado.



Compartir: