LINGUA

Os gañadores do Manuel Beiras recibiron os seus premios

01/12/2006 Os premiados do Manuel Beiras deste ano recibiron o seu galardón no transcurso dunha cea no Hotel Araguaney, á que asistiron representantes do mundo político, académico e empresarial da cidade. O premio, convocado pola concellaría de Política Lingüística do Concello de Santiago e a Cámara de Comercio, chegou así á súa sétima edición premiando ás empresas compostelás Aceiro e T44 e facendo unha distinción especial a Xaquín Mato da papelería Xaquín. O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, encargouse de pechar o acto.

Na categoría de nova incorporación ao uso da nosa lingua, o xurado elixiu á empresa Aceiro, salientando que a oferta desta empresa mostra unha imaxe coherente do país a través de produtos anovadores, atractivos e de calidade, presentándoos na nosa lingua tanto á cidadanía compostelá como a turistas e visitantes. Recolleu o premio Rocío Fernández Carro de mans do primeiro tenente de alcalde, Néstor Rego.

Evaristo Rodríguez Carracedo, vicepresidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación, entregoulle o galardón a Manuel Gómez Vidal, da imprenta T44. Os motivos polos que o xurado a elixiu foi o uso galego en todos os documentos empresariais internos, desde a súa constitución e por exercer un papel de axente galeguizador da comunicación individual e colectiva nos seus clientes a través da súa publicidade e interlocución directa.

Por último, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregoulle o premio a Xaquín Mato Castro, da papelería Xaquín, a quen se lle outorgou unha distinción especial. O xurado prémiao por manter desde hai xa máis de 25 anos a presenza da lingua galega no seu establecemento, desde un compromiso claro e contundente que non só o fixo pioneiro senón tamén un exemplo galeguizador do comercio compostelán.

Compartir: