ACCIÓN CULTURAL

Concerto de Jesús Díaz e "Mud Gallery", de La Intrusa Danza, no Teatro Principal

09/05/2017 O prestixioso músico e compositor de cine, publicidade e danza, Jesús Díaz, ofrece un concerto no Teatro Principal este mércores ás 20:30 horas. Faino como previa ao espectáculo da compañía de danza La Intrusa Mud Gallery, que temos o xoves tamén no Principal ás 20:30 horas, e cuxa música foi composta por Díaz. As entradas para ambos espectáculos poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com. O prezo é de 10 euros para cada un dos eventos (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais).

O recoñecido compositor Jesús Díaz ofrecerá un concerto baseado nos seus diferentes proxectos musicais, entre os que se atopa Mud Gallery, a música que acompaña o proxecto de danza que se pode ver no Teatro Principal, o día seguinte do concerto, a cargo da compañía La Intrusa. Jesús Díaz traballou compoñendo para múltiples proxectos musicais a nivel internacional, realizando a banda sonora de seis longametraxes , entre eles multipremiadas películas como The Debt, coprodución americana protagonizada por Stephen Dorff, Carlos Bardem e Alberto Ammann, ou a película Aloft, da nomeada ao Óscar Claudia Llosa e protagonizada por Jennifer Connelly e Cillian Murphy, entre outros.

O seu mais recente traballo foi para Cannabis, a serie francesa de canle Arte Francia, dirixida por Lucie Borleteau. En publicidade traballou con grandes marcas como Desigual ou Volkswagen e, para danza, en diferentes espectáculos como Blackout, de Jordi Cortés, ou Mud Gallery, a cargo da compañía La Intrusa, que obtivo o Premio de Danza Nacional 2015.

Mud Gallery, de La Intrusa Danza
Mud Gallery é unha peza sobre a coraxe e a silenciosa dignidade que nos outorga a experiencia. Un espectáculo creado e dirixido por La Intrusa –Virginia García & Damián Muñoz- e con música de Jesús Díaz, quen ofrecerá o día 10 de maio, tamén no Teatro Principal, un concerto no que interpretará esta e outras composicións. Música e danza en dúas xornadas consecutivas.

La Intrusa é unha compañía de creación artística contemporánea formada en 1996 por Virginia García e Damián Muñoz, creadores e directores artísticos. Crean, dirixen e producen proxectos escénicos e audiovisuais. Interrelacionan a danza contemporánea con outras disciplinas artísticas como a música e os audiovisuais. Combinan as creacións propias con encargos coreográficos, colaboracións teatrais e publicidade. Destaca a súa tarefa docente en prestixiosas escolas e centros coreográficos nacionais e internacionais. As súas creacións representáronse en prestixiosos festivais e teatros nacionais e internacionais.

Compartir: