LETRAS GALEGAS

O Concello celebra o Día das Letras Galegas cun amplo programa cultural

09/05/2017 O alcalde presentou este martes a programación coa que o Concello de Santiago se vai sumar á celebración do Día das Letras Galegas e á homenaxe a Carlos Casares, o autor ao que se lle dedica este 17 de maio. Martiño Noriega salientou o interese do Goberno compostelán en "aproveitar esta data para reivindicar a un escritor que tivo unha enorme vinculación con Santiago, e sobre todo para reivindicar o noso idioma".

A programación das Letras inclúe un acto institucional que, ao igual que o ano pasado, se celebrará na rúa. Será o 16 de maio, ás 19:30 horas, na praza de San Lázaro que leva o nome de Carlos Casares. Martiño Noriega explicou que a intención do Concello é "implicar á cidadanía nestes actos, e por iso serán os veciños e veciñas da zona os que lle dean lectura a algúns textos do autor homenaxeado no 17 de maio". O acto contará tamén coa participación da Banda Municipal de Música.

Ademais, o alcalde salientou a celebración do primeiro Vermú das Letras "para animar o ambiente do festivo do 17 de maio". Será na praza do Toural, a partir das 13:30 horas e coa participación de Xoán Curiel e Sérgio Tannus.

Música, teatro e rutas guiadas
Martiño Noriega explicou que na programación das Letras participan varios departamentos do Goberno, que fixeron as súas achegas para ter "propostas moi variadas, dirixidas a públicos distintos e cos obxectivos comúns de poñer en valor o uso da nosa lingua e de dar a coñecer mellor a figura de Carlos Casares".

Así, dende o Departamento de Acción Cultural organízase unha ruta sobre os lugares composteláns de Carlos Casares, do luns 15 ao venres 19 de maio; e un concerto especial da Real Filharmonía de Galicia en colaboración co Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia, o 18 de maio no Auditorio de Galicia, con entrada libre. Tamén da man deste Departamento chegará á Zona C a exposición itinerante da Fundación Carlos Casares Os mundos de Carlos Casares. Poderase visitar a partir do 30 de maio.

No Teatro Principal haberá dúas actividades para celebrar o Día das Letras: a posta en escena de A Galiña Azul, con sesións para escolares a cargo de Ubú Teatro; e o concerto de Os D´Abaixo, o 16 de maio.

Pola súa parte, a Rede de Centros Socioculturais ten previstas varias actividades, como a creación dunha tira gráfica xigante, as aulas de xogo sobre a figura de Carlos Casares e puntos de encontro con material sobre o escritor.

A programación das Letras Galegas complétase coas propostas que desenvolve o Departamento de Lingua ao longo de todo o mes de maio, como o concurso Youtubeir@s, o certame Fotolingua ou a iniciativa O Conto Viaxeiro. O alcalde salientou tamén a celebración da Regueifesta, o 12 de maio no Auditorio de Galicia. No seu transcurso entregaranse os premios do certame Enreguéifate.

Documentos relacionados



Compartir: